DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola I Cátedra Internacional José Saramago

Alberte Valverde afondará nunha conferencia na poesía galega da transición

Será este xoves, día 28, ás 20.00 horas na libraría Andel

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 25/06/2018

A I Cátedra Internacional José Saramago organizou para esta semana unha conferencia do crítico literario, profesor de lingua e literatura galegas e especialista en poesía galega vanguardista Alberto Valverde sobre poesía galega na transición. A cita será este xoves día 28 na libraría Andel e nela o autor tratará de axudar ás persoas asistentes a coñecer mellor “unha etapa histórica decisiva no devir do campo literario galego a partir dunha data concreta, 1979, e dun xénero, o poético”.

Pasados xa corenta anos do inicio da Transición española,  desde a dirección da cátedra consideran que este é o momento de establecer unha ollada crítica sobre esta época desde un punto de vista historiográfico. O motivo da escolla da poesía da transición como eixe central da conferencia radica na súa importancia, tanto política, debido á finalización dunha década convulsa, ao inicio da España Democrática e da Xunta preautonómica a finais do 1978, como cultural, coa incorporación do idioma galego ao ensino non universitario, a aparición de novas editoriais ou a dedicatoria das Letras Galegas a un escritor de vangarda como Manoel Antonio.

Segundo explica o autor, a conferencia focalizará a súa atención no xénero poético por mor de manexar durante varias décadas un capital simbólico singular, o discurso de resistencia cultural. “A poesía socialrealista ocupa o canon dos anos setenta ao establecer un elo de unión entre o campo literario e outros paralelos como son o musical, o plástico e o político”, explica Valverde, ao tempo que fai fincapé en que a configuración de habitus como o de “poeta comprometido” revísase nesta altura para trocalo cara a unha nova dinámica que se podería definir xa na década de 1980 como de produción ou escrita “institucional”. “É desta maneira como analizamos a produción deste ano para ver como se van asentando novos repertorios, axentes e habitus no campo literario galego da Transición”, recalca.