DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido polo Post-Growth Innovation Lab, terá lugar o luns 26 no Edificio Castelao do Museo

O ministro Alberto Garzón participará en Pontevedra nun debate sobre os límites do crecemento económico

O coloquio porá o foco no papel das universidades na transición ecolóxica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Investigación
DUVI Pontevedra 19/09/2022

Que papel poden xogar as universidades no fomento do pensamento crítico respecto das consecuencias ambientais e sociais dun modelo económico baseado no crecemento? Esta pregunta constitúe o punto de partida do debate que o vindeiro luns 26 promove no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o Post-Growth Innovation Lab e no que intervirá o economista e ministro de Consumo, Alberto Garzón. Os límites do crecemento e o papel da universidade na transición ecolóxica é o título do coloquio que Garzón compartirá co director do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera, e a directora científica do centro de investigación interuniversitario Ecobas, María Loureiro. Programado para ás 11.00 horas e aberto o público, o coloquio será coordinado polo investigador posdoutoral do Post-Growth Innovation Lab David Soto Oñate e contará tamén coa intervención do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.

“Imos falar da importancia da universidade para xerar un pensamento crítico que logo poida chegar á cidadanía”, salienta Pansera, quen se incorporaba o pasado ano á UVigo como gañador dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) e creaba en Pontevedra o grupo de investigación que promove esta actividade, que poderá seguirse tamén en directo pola rede. O estudo de como poderían funcionar as organizacións, tanto públicas como privadas, nun sistema económico que non se basee nun crecemento continuo constitúe de feito o principal obxectivo do proxecto Prospera, polo que Pansera obtivo a axuda do ERC e é tamén un dos eixos centrais deste coloquio. A idea, explica o investigador, é pór o foco nas “economías alternativas” e no papel que poderían xogar neste ámbito as institucións de ensino superior. “Tradicionalmente, a universidade era o lugar onde se podía xerar a crítica e o problema é cando esta é un lugar onde se protexe e reproduce a hexemonía cultural do capitalismo”, sinala Pansera, que incide na importancia de que nas institucións de ensino superior exista “un pluralismo na ensinanza dos modelos económicos”, que permita amosar ao alumnado “que hai distintas maneiras de entender a economía e a sociedade”.

O punto de partida, un artigo de Garzón sobre decrecemento

Coordinador federal de Izquierda Unida, o labor de Garzón como economista constitúe, de feito, o punto de partida deste “debate aberto”, como o define Pansera. Licenciado en Economía pola Universidad de Málaga e Máster en Economía Internacional e Desenvolvemento pola Complutense de Madrid, segundo recolle o portal do Ministerio de Consumo, Garzón traballou como investigador en varias universidades antes de ser elixido por primeira vez deputado no Congreso, en 2011. O pasado verán publicaba na revista Monthly Review o artigo The limits to Growth: Ecosocialism or Barbarism, que constitúe o punto de partida desta actividade. Neste artigo, Garzón pon o foco nos impactos sociais e ambientais do consumo incide na necesidade de “reescalar a actividade económica ata o nivel que sexa compatible cos límites do planeta”. Como sinala Pansera, o obxectivo deste encontro será precisamente o de “falar do seu artigo e da interconexión entre política, universidade e cidadanía para desenvolver ideas”, para a partir de aí xerar “un debate científico” en torno a unha idea “tabú”, a de que “o mercado non é perfecto”. Nese senso, o director do Post-Growth Innovation Lab incide no interesante “de que un político comece a falar de decrecemento”, aínda que o encontro, recoñece, porá o foco na faceta de “economista e activista” de Garzón e non no seu labor como ministro ou na súa traxectoria política.