A obra está editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo
Albino Prada analiza nun novo libro os retos que Galicia debe asumir para deixar de ser un país “desnortado e minguante”
Presentarase o martes 12 de novembro, ás 19.30 horas, na biblioteca da EMAO
Galicia. Un país desnortado e minguante. Este é o título elixido polo profesor Albino Prada para o seu novo libro, un ensaio no que artella “unha ollada poliédrica -non economicista- con argumentos de fondo que axuden a centrar unha estratexia de desenvolvemento acaída para o país”, un país que, tal e como vai debullando o autor ao longo da obra, presenta claros síntomas de ir minguando e, tamén, de andar desnortado.
Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, dentro da colección Miscelánea, o ensaio presentarase ao público o vindeiro martes 12 de novembro ás 19.30 horas na biblioteca da EMAO, a Escola Municipal de Artes e Oficios, na rúa García Barbón, nun acto no que o autor estará acompañado polo director do Servizo de Publicacións, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Jorge Luis Bueno, e o xornalista Manuel Vázquez Sola.
Unha folla de ruta cun norte preciso
Neste particular debuxo da realidade galega, Prada salienta que entre 1990 e 2020 Galicia non se moveu dos dous millóns setecentos mil habitantes, cando tería que ter chegado aos tres millóns de seguir a tendencia media europea. “A nosa poboación entre 16 e 34 anos pasou de 750.000 mozas e mozos en 2002 a 470.000 en 2023, unha caída que vai camiño da metade en vinte anos, mentres no conxunto do Reino de España ese colectivo é mesmo estable”.
Son, a xuízo do autor, síntomas de que Galicia vive nun país minguante. Síntomas, tal e como vai relatando, de que na produción de riqueza, no emprego ou nas rendas da maior parte da poboación galega transita por baixo das sociedade da súa contorna, tanto española como europea. “E todo isto sucede por causa de andar desnortados”, recalca, ao que engade que “en recursos naturais, en potencial laboral, en sectores concretos” conta con recursos dabondo para reverter esa situación.
Tal e como aparece na contraportada, neste ensaio o autor revisa moitos deses obstáculos (de infraestruturas, institucionais, financeiros, tecnolóxicos, ambientais, de capital e benestar social, etc.) e propóñense alternativas para definir unha folla de ruta cun norte preciso: “favorecer un maior desenvolvemento social e deixar de ser un país minguante”.
Ao longo de preto de 200 páxinas, divididas en cinco grandes capítulos e un limiar, o autor procura enfrontar os grandes retos que Galicia debe asumir. Tras un primeiro capítulo de introdución e panorámica, o capítulo 2 métese de cheo no que denomina ‘as bases produtivas”, incluíndo diferentes cuestións relativas ao PIB, riqueza e benestar social, medios de transporte e comercio exterior, os eléctricos e as eólicas. O capítulo 3 céntrase xa nas bases territoriais e institucionais, e o 4 nos ‘balances e resultados’, meténdose de cheo en conceptos como xeración perdida (2000-2019), protección social e sanidade neoliberais. No último capítulo, Ano 2050, utopía ou distopía?, o autor presenta a “estratexia utópica” para deixar de ser un país desnortado.
“Prefiro non sumarme á santa compaña galega dos caladiños”
“Prefiro non sumarme á santa compaña galega dos caladiños”, explica Prada no limiar, un intre no que tamén recoñece que a tarefa que debulla neste libro reborda o empeño dunha soa persoa, e que –“a bo seguro”- debía terse enfrontado cunha maior actualización e detalle empírico.
“Asumido o anterior poño a andar a roda deste feixe de argumentos na confianza de que outros collan o relevo dende estas coordenadas, pondo ao día datos e documentos de referencia”. Dito isto, reta aos posibles lectores e lectoras a pórlle “chatas á obra, que hai sitio para todos”.