DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel analiza se a innovación técnica pode provocar situacións de “difícil control”

Albino Prada percorre no seu último libro os “camiños de incerteza” das sociedades do século XXI

Con esta obra o profesor da UVigo pecha unha triloxía centrada nesta temática

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • TIC
  • Investigación
DUVI 22/07/2020

Caminos de incertidumbre é o título elixido por Albino Prada, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, para o seu último libro, unha publicación na que, apunta o autor, “quixen revisar a orixe e evolución dos que considero principais logros civilizatorios humanos asociados á innovación técnica e avaliar se a súa concreta utilización social actual nos pode meter en situacións de difícil, ou imposible, control”. A súa análise chega nun momento no que a pandemia da covid-19 ten convertido á incerteza nun dos grandes protagonistas do devir individual e colectivo. 

Segundo explica o tamén investigador da agrupación estratéxica da Universidade de Vigo Ecobas, con este ensaio pecha unha triloxía que comezou con El despilfarro de las naciones (2017) e que continuou con Crítica del hipercapitalismo digital (2019). “Nos tres casos analizo as sociedades deste século XXI cun enfoque asentado nunha longa tradición crítica intelectual previa, á que remito ao lector”, indica Albino Prada. Así, detalla, “contrapoño nun caso a bulimia do despilfarro social e individual fronte a idea de escaseza do mainstream económico; no outro caso describo como a economía de mercado está a mutar en sociedade de mercado da man das tecnoloxías dixitais e neste último ensaio sinalo as zonas de sombra que acompañan tanto aos nosos logros tecnolóxicos como ás nosas non pequenas ignorancias”.  

Da orixe do cerebro ao colapso climático

A publicación, editada por Catarata co apoio da agrupación estratéxica Ecobas, conta cun prólogo do escritor Manuel Rivas titulado La inteligencia preventiva, la revolución de la mirada. Sobre o contido do libro, o seu autor sinala que “empezo coa orixe do noso cerebro. O que sabemos e o, moito, que non sabemos, para reflexionar sobre o actual desenvolvemento da chamada intelixencia artificial. Fago o propio coa linguaxe oral e a escrita para poder avaliar cara onde nos poden levar a actual dixitalización e o big data”. Tamén hai espazo na publicación, tal e como comenta Albino Prada, para analizar “os desenvolvementos agrarios e alimentarios que nos trouxeron ata os organismos xeneticamente modificados ou as superbacterias” e “a globalización comercial e as tecnoloxías que impulsaron, no pasado e na actualidade, para entender o actual colapso climático ou a opción nuclear entre outras ameazas derivadas”.

Sobre a relevancia de abordar estas temáticas no momento actual, o autor da publicación lembra como “dado que persisten moitos asuntos nos que o coñecemento humano é limitado e outros nos que non temos capacidade para prever consecuencias indesexables, pois camiñamos por vieiros de incerteza”. Así, detalla, “ninguén asegurará á humanidade contra das derivas da manipulación biolóxica ou xenética, contra dos danos do colapso climático, contra da letalidade da intelixencia artificial sobrehumana, o control monopolista do big data ou a exclusión social global. Para cada unha desas, e doutras, incertezas deberamos ter ferramentas (criterios e institucións) de precaución”.

Do risco á incerteza

A diferenciación entre risco e incerteza “é un asunto central” da análise que recolle este libro. Neste senso, Albino Prada indica que “estamos diante dun risco cando é posible coñecer a posibilidade dun dano e a súa dimensión pero estamos diante dunha incerteza cando nin a posibilidade nin a dimensión poden coñecerse". Así, afonda o experto, "contra dos riscos pode cubrirnos unha aseguradora, contra dunha incerteza non. A pandemia actual da covid-19 ponnos diante dunha situación de incerteza. Só o estado pode enfrontar os danos. Só a precaución nos pode axudar a evitar situacións de incerteza”.

Neste contexto, Albino Prada sinala que Caminos de incertidumbre é unha publicación dirixida “a calquera persoa cunha inquedanza por ter criterio propio sobre os problemas chave aos que se enfrontan as nosas sociedades e que, para iso, procure dispor dun mapa breve, pero completo, de como chegamos ata aquí”. Así, subliña, “como se ten dito somos ananos a lombos de xigantes. Os xigantes do pensamento que nos precederon son teimudos: non leva a bo porto actuar con arrogancia. Debemos recoñecer e catalogar as dimensións da nosa ignorancia e ter precaución máxima diante das incertezas do mundo que construímos”.