DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permitirá poñer á disposición da Universidade terreos para construír o Edificio das Artes

O alcalde de Pontevedra confirma que a aprobación do proxecto de Tafisa entra na súa recta final

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI DUVI 21/05/2008

O Edificio das Artes está máis preto de se converter nunha realidade toda vez que a aprobación do proxecto de Tafisa entra, segundo confirma o alcalde de Pontevedra, na súa recta final.
Miguel Anxo Fernández Lores reuniuse co reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago para abordar tanto o futuro do Edificio das Artes e a residencia de estudantes, como a peonalización e urbanización do campus pontevedrés, así como a posibilidade de que as titulacións que se imparten en Pontevedra podan completarse no momento que se abra o mapa de titulacións.
A construción do Edificio das Artes será posible unha vez se finalice e aprobe o proxecto de compensación de Tafisa, momento no que o Concello de Pontevedra porá a disposición da Universidade de Vigo dúas parcelas ,cunha superficie total de 20000 metros cadrados nos se localizará o Edificio das Artes, valorado nuns 25 millóns de euros.

Inicio das obras nuns meses

Cun proxecto gañador do concurso de ideas do Edificio das Artes que se adapta á parcela que cederá o Concello, Alberto Gago afirmou que “trouxemos os deberes feitos”. O reitor da Universidade de Vigo manifestou a súa confianza en que despois do verán se asine o convenio de cesión da parcela de xeito que as obras podan comezar a finais deste ano o principios de 2009.
Ademais do terreo cedido polo Concello para a construción do Edificio das Artes, está comprometida a cesión dunha segunda parcela para a ubicación dunha residencia de estudantes.

Titulacións e mellora do entorno do campus

No encontro mantido entre o alcalde de Pontevedra e o reitor da Universidade de Vigo e no que tamén participaron o vicerreitor do campus, Jesús Hernández e a concelleira de Cultura e Universidade, Lola Dopico, Fernández Lores expresou o seu interese en que as titulacións do campus poidan completarse nun futuro con outras relacionadas “coas titulacións que xa están agora no campus: artes, comunicación, deseño e moda...”, apuntou o rexedor municipal.
Na reunión celebrada no consistorio abordáronse outros proxectos como a peonalización e urbanización do campus, como parte da mellora do entorno e que inclúe a Illa da Xunqueira e o Parque da Familia.