DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa ten o apoio tanto do campus de Ourense como de Agadic

Aldearmos arrancou en Vilar de Santos o seu proxecto de dinamización rural

Contou coa participación do investigador David Fernández Calviño e do coro universitario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 24/10/2022

O proxecto Aldearmos, “programa de democratización cultural do e no rural", arrancou este domingo en Vilar de Santos (Ourense) a súa programación coa partición de membros da comunidade universitaria. Trátase dunha iniciativa da Rede Aldear, formada por unha vintena de concellos do rural das provincias de Ourense e Lugo, e conta co apoio tanto do campus de Ourense como de Agadic (Xunta de Galicia). A programación, desenvolvida ao longo do día, incluíu actividades no Museo da Limia e na A Arca da Noe. Concretamente, celebrouse un concerto do Coro Universitario do Campus de Ourense e unha conferencia David F. Calviño, investigador da Facultade de Ciencias ourensá (onde se imparten as titulacións de Enxeñaría Agraria, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Ambientais), sobre alternativas naturais aos químicos na agricultura. Tamén tivo lugar a presentación da Rede Aldear; as actuacións de Pan sen Fron, Anxo Moure, Teatro de Coles e David Regueiro e un espectáculo de danza e música con Camille Hedouin (Mounqup) e Nuria Sotelo.

Diferentes liñas de actuación

Aldearmos é un programa que conta con catro pés que teñen como obxectivo amosar a vitalidade do rural das provincias de Lugo e Ourense e contribuír a asentar proxectos culturais nel. A primeira desas catro liñas de actuación é Aldear na Escola, un programa de intervención socioeducativa que levará 18 xornadas de traballo a diferentes centros educativos do rural das provincias do interior. A segunda é Aldear Campus Auga: un programa de intervencións científicas en contextos non académicos onde investigadores de primeira liña do campus de Ourense presentarán os resultados das súas investigación sobre as comarcas do interior buscando unha interlocución amena e didáctica. Contará con máis de 10 relatores. A terceira liña é Aldear Acompaña, unha oficina de promoción económica do cuarto sector e móbil, que acompañará as actividades anteriores e mantida por especialistas en economía social como Uxío Novoneyra Rei ou Óscar Penín. Por último, está a liña Aldear Itinerancias, un programa de eventos en zonas rurais onde se amosen prácticas e espectáculos de vangardas creados por en para as zonas menos despoboadas e que se constrúan a través do intercambio de programación entre os socios da rede. Están pechados seis eventos ata final de anos e contan con facer outros seis ata a finalización do programa en marzo. Tras Vilar de Santos, Aldearmos continuará en A Veiga, O Courel e Nogueira de Ramuín a súa actividade.