DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escritora ofreceu este mércores a segunda conferencia desta iniciativa

An Alfaya aborda no Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil a perpetuación dos tabús a través da literatura

Á sesión virtual asistiron preto dun centenar de estudantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 14/10/2020

A sexta edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil continúa a súa programación e este mércores contou coa participación da escritora An Alfaya. Nunha edición que leva por lema Sen tabús: ler para pensar, a autora explicou ao máis dun centenar de futuros mestres e mestras que asistiron de xeito virtual á súa conferencia a súa visión sobre os tabús e a súa perpetuación na literatura para o público máis novo. Fíxoo nunha intervención titulada Desbotando tabús. Ler: eu imaxino, viaxo, soño, emociónome, penso, sinto e vivo. E ti?

Este ciclo, que consta de cinco conferencias a desenvolverse entre o 7 de outubro e o 4 de novembro, está coordinado pola profesora da UVigo Isabel Mociño e conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Facultade de Educación e Traballo Social e a Vicerreitoría do Campus de Ourense. Ademais de Fina Casalderrey, que abriu as sesións o pasado 7 de outubro, e An Alfaya, está previsto que na actividade participen as e os escritores Xavier Estévez, María Canosa e o ilustrador Marcos Viso. A elección de An Alfaya, que conta cunha dilatada produción literaria, para participar nesta edición, apuntou Isabel Mociño, debeuse a que, apuntou a coordinadora do ciclo, “trátase dunha autora cunha traxectoria moi dilatada e recoñecida que foi pioneira en integrar con total naturalidade nas súas obras temáticas consideradas tabú hai anos, como a sida".

Contos de fadas

Segundo explicou An Alfaya antes da súa intervención, “resulta curioso que en pleno século XXI aínda teñamos reparos para falar cara a cara con aqueles que conformarán o noso futuro sobre certos temas tabú cando aparentemente lles vimos restando importancia aos mal chamados contos de fadas, aínda que neles non sempre haxa fadas”. Así, advertiu a escritora, estes contos de fadas son perpetuados e xustificados “porque veñen revestidos cunha pátina de fantasía, mais naceron con función didáctica e moralizante, onde a ofendida, a débil, case sempre era unha nena ou unha muller, e o forte, o salvador ou dominante, un home”. Neles, indicou a relatora, “mantéñense presentes os mesmos tabús: a violencia, a sexualidade e a morte”.

Neste contexto, recalcou An Alfaya, “un tabú non deixa de ser unha trampa, un disfrace ou unha mentira que oculta o medo a amosar algo que se entende prohibido. De tal xeito que canto máis cativos son os destinatarios, as explicacións que se lles ofrecen van dende un enfoque inocente ata case ridículo, mais que transcenden de xeración en xeración, perpetuando o tabú”.