DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os resultados dunha tese de doutoramento

As algas que causan as mareas vermellas son propias do ecosistema galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 04/03/2008
As algas causantes de gran parte das mareas vermellas en Galicia –as chamadas dinoflaxeladas- pertencen ao ecosistema mariño galego, o que desbota a tradicional crenza de que tiñan a súa orixe en zonas máis afastadas e eran traídas ás rías polas correntes mariñas. Así o salienta a bióloga Bibiana Gómez na súa tese de doutoramento.
Para chegar a esta conclusión a investigadora analizou mostras de auga das rías durante case cinco anos, identificando e contando os microorganismos presentes nelas, ademais de ter en conta datos de investigacións anteriores. “As dinoflaxeladas pertencen ao microplancton galego, aínda que temos que seguir investigando para determinar a localización exacta das poboacións iniciais que dan lugar a estas proliferacións nocivas”, indica a investigadora.
A tese tamén aporta novos datos sobre a relación entre a proliferación destas algas e os fenómenos de afundimento e afloramento. “O fenómeno do afundimento –polo que o vento empuxa a capa superficial da auga cara as zonas costeiras- acumula as dinoflaxeladas no interior da ría. Unha vez alí, en vez de fundirse coa corrente da auga, estas algas quedan flotando na superficie, probablemente porque poden nadar”, explica Gómez.
No caso de afloramentos débiles –proceso polo que as augas profundas, ricas en nutrientes, afloran á superficie- aporta os nutrientes necesarios para que a poboación de dinoflaxeladas medre e prolifere formando unha marea vermella.

Un problema a nivel global

As mareas vermellas poden estar causadas por algas tóxicas que contaminan peixes, moluscos e crustáceos, ou por especies non tóxicas que causan dano aumentando o seu número de células, o que diminúe o osíxeno e a transparencia da auga inducindo graves danos no ecosistema. Como curiosidade, non sempre son de color vermello, poden ser incoloras ou de outros tons dependendo da alga que as cause.
Trátase dun fenómeno natural que non só afecta ás costas de Galicia senón que representa un problema a nivel mundial, provocando graves perdas económicas e danos ecolóxicos. “A día de hoxe resultan imposibles predicir, pero pretendemos que nun futuro se poida establecer a súa probabilidade dadas unhas determinadas condicións meteorolóxicas e oceanográficas”, explica a investigadora.

A autora

A ourensana Bibiana Gómez, licenciada en Bioloxía, é bolseira de investigación no Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC). O seu traballo céntrase nas proliferacións de algas nocivas e a súa asociación cos procesos oceanográficos.