DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os socios, entre os que está a UVigo, reúnense estes días en Porto

A alianza ATHENA dá un paso máis para converterse nunha universidade europea con campus en nove países

Implica unha estratexia conxunta en docencia, mobilidade, I+D, transferencia ou divulgación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 04/10/2022

A cidade de Porto acolle esta semana a xuntanza do consorcio ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance), unha iniciativa que ten como finalidade crear unha universidade europea con campus en nove países. A UVigo forma parte desta rede dende o mes de xuño, cando se uniu xunto coa Uniwersytet Marii Curie-Skłodowskiej, conformando así a estrutura actual do consorcio liderado polo Instituto Politécnico de Porto (Portugal), e do que forman parte as universidades de Orleáns (Francia), Siegen (Alemaña), Niccolo Cusano de Roma (Italia), Maribor (Eslovenia), a Hellenic Mediterranean University (Grecia), a Vilnius Gediminas Tecnichal University (Lituania), a Marii Curie-Skłodowskiej e a UVigo.

A finalidade desta alianza é crear unha universidade europea arredor dunha estratexia conxunta de educación superior que contempla colaboración tanto na docencia, como na mobilidade do alumnado e do persoal, na investigación, na transferencia de resultados á industria, na divulgación, na internacionalización ou na perspectiva de xénero.

Catro días de traballo

Esta quinta xuntanza da Alianza Universitaria Europea ATHENA céntrase en seguir dando pasos para crear unha universidade europea con campus en nove países. En concreto, as e os participantes están avaliar os resultados acadados ata agora en todas as áreas de actividades do proxecto e o programa, de catro días de duración, comprende entre outras actividades unha sesión plenaria, unha reunión de reitores de todas as universidades socias de ATHENA no Consello Executivo, reunións do Comité Directivo e da Xunta de Estudantes, así como obradoiros paralelos. O xoves terá lugar un encontro especial dedicado á cooperación coa industria local. 

A representación da Universidade de Vigo participa unha delegación encabezada polo reitor, Manuel Reigosa, xunto coas vicerreitoras de Internacionalización, Maribel Del Pozo, e de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, ademais de persoal docente e técnico, responsables de centros de investigación e de servizos. Quíxose aproveitar así a proximidade da sede do evento para que todas as persoas da UVigo implicadas en ATHENA teñan a oportunidade de asistir presencialmente e coñecer os socios. 

Ademais de avaliar o traballo feito ata agora, os socios de ATHENA están a traballar nestes días nunha nova proposta coa que concorrer á convocatoria Erasmus+ Universidades Europeas 2023 “na procura dun financiamento que xa non temos”, explica Del Pozo. Esta convocatoria conta cun orzamento récord de 384 millóns de euros e comprende dúas modalidades, unha para a renovación das alianzas xa existentes, que é á que concorre ATHENA, e outra para a creación de novas propostas, priorizando os países dos Balcáns Occidentais co obxectivo de que se integren nas alianzas das universidades europeas.

Multiplicar por nove as opcións

A vicerreitora de Internacionalización lembra que ATHENA botou a andar en 2020, cando solicitou á UE financiamento para poñer en marcha un proxecto de universidade europea. Ás sete universidades orixinais sumáronse este mesmo ano a UVigo e a Marii Curie-Skłodowskieja e, nesta xuntanza en Porto, tamén se uniron, como socios colaboradores, unha universidade turca e outra austríaca. 

Maribel Del Pozo sinala que son múltiples os beneficios dunha alianza como ATHENA, xa que “formar parte dunha universidade europea é xogar noutra liga, é algo que vai multiplicar as nosas opcións por nove, é como se dispuxéramos de todo o que teñen as nove universidades socias, todas as súas posibilidades formativas e de investigación, as súas potencialidades de internacionalización… Isto fainos moi competitivos, e con esa idea se crea este consorcio, de modo que as universidades poidan reter o talento en Europa, talento que ás veces é atraído por outros lugares que poden resultar máis atractivos para eses investigadores de elite”. En definitiva, engade Del Pozo, “permítenos pertencer a unha alianza con moitas potencialidades, algo que tamén atrae financiamento, porque mesmo nas convocatorias europeas, o pertencer a unha European University achega maior puntuación”.

Beneficios de formar parte dunha European University

Cando a UVigo, no mes de xuño, entrou a formar parte de ATHENA, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, destacaba os importantes beneficios que supoñía para a UVigo formar parte deste tipo de consorcios europeos de universidades. Por exemplo, no eido da I+D permite incrementar sinerxías entre institucións, promovendo investigación de calidade e impacto e aumentando a competitividade das propostas. Ademais, traballando en rede tamén se facilita a captación de fondos en determinados programas. 

Tamén para o alumnado implica vantaxes, como a posibilidade de cursar materias ou anos académicos en diferentes universidades, apostando por un currículo flexibles e individualizado. Isto tamén permite ás universidades captar estudantes internacionais, o mesmo que sucede no eido do PDI, xa que se fomenta mobilidade, a cooperación internacional e o intercambio de oportunidades. Ademais, os beneficios esténdese tamén o eido da transferencia, xa que ser socio deste tipo de universidades europeas permite estreitar lazos co tecido económico e industrial de contornas diversas e tamén proporciona perspectivas laborais a nivel europeo para o alumnado.

Ademais, a Universidade de Vigo terá un papel principal en temáticas relacionadas coa igualdade, achegando o seu coñecemento e experiencia para converter ATHENA nunha rede “máis inclusiva” e contribuír á creación da Unidade de Xénero da alianza tendo como referente a Unidade de Igualdade da UVigo. Os socios están “moi interesados en que este sexa un consorcio inclusivo e que teña en conta a diversidade, a igualdade e todos estes valores cos que a UVigo leva moito tempo traballando e nos que somos unha referencia”, explica a vicerreitora de Internacionalización.