DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Facilita a inserción e o emprendemento laboral arredor ao mar

A alianza con novas empresas do sector posibilita a realización de prácticas a todo o alumnado do curso Icemar

A piques de pecharse o prazo de inscrición, as clases arrancan o vindeiro xoves

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 09/01/2020

A alianza con novas empresas e institucións do sector marítimo facilitará este ano que todo o alumnado matriculado no Curso de especialista en innovación, competitividade e emprendemento en torno ao mar, Icemar, poida realizar prácticas curriculares en empresas do sector, o que a xuízo dos organizadores, lles vai permitir tanto facilitar a súa entrada no mundo laboral como coñecer de primeira man as principais empresas galegas relacionadas  con este sector. As clases arrancan o vindeiro xoves día 16, se ben as persoas interesadas aínda teñen de prazo ata esta fin de semana para inscribirse.

“A actividade non so lle permite ao alumnado completar o seu currículo universitario en disciplinas que facilitan a súa inserción en algún dos moitos sectores que se desenvolven en torno ao mar, senón que ademais facilita metodoloxías e ferramentas  para axudarlles a planificar activamente a consecución dos seus obxectivos profesionais, permitíndolles identificar intereses, habilidades, valores e características persoais que melloren a súa empregabilidade”, explica a directora, a profesora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Maruxa Álvarez, quen tamén explica que unha das súas maiores ilusións é que este programa formativo non só achegue valor ao alumnado que participa nel, senón que todas as empresas colaboradoras se vexan dalgún modo beneficiadas.

“O mar é un dos principais sectores estratéxicos de Galicia”

“O mar é un dos principais sectores estratéxicos de Galicia, unha rexión que é potencia a nivel mundial e referente en actividades clave que dinamizan o mercado a partir da innovación e o saber facer das empresas que desenvolven a súa actividade económica en torno ao mar”, explica a directora do curso. Directa ou indirectamente, moitas das actividades económicas de Vigo dependen do mar, como o sector pesqueiro, o da alimentación, ou outros como o do transporte, o turismo ou o deporte, pero, desde o seu punto de vista, “na nosa cidade apenas coñecemos o potencial que o mar ofrece para o desenvolvemento profesional do alumnado”, engade a profesora, quen tamén sinala que no curso repiten constantemente que “en Vigo vivimos na costa, pero de costas ao mar”, no senso de que a pesar da moita actividade económica que depende do mar "apenas se coñece o potencial que ofrece para o desenvolvemento profesional do alumnado".

Máis de 200 h de prácticas curriculares en empresas

O curso, de seis meses de duración, está dirixido tanto a alumnado de último curso como a titulados da UVigo ou profesionais relacionados ou con interese no campo da economía azul, un ámbito que recoñece a importancia dos mares e océanos como motores principais polo seu gran potencial para a innovación e o crecemento. 

A actividade conta con 425 h de formación teórico- práctica, as cales se dividen entre talleres formativos, actividades ao aire libre, visitas a institucións e empresas relacionadas co sector do mar, visitas a feiras,etc. A maiores, este ano cóntase con unha novidade, a incorporación de 205 horas de prácticas curriculares que serán realizadas en empresas e institucións de interese do alumnado. “A día de hoxe establecemos convenios con moitas empresas e entidades e prevemos que ao longo do curso aumenten o número de empresas colaboradoras, atendendo a demanda do propio alumnado”, menciona a organizadora.

“O alumnado que participou en edicións anteriores destaca que as maiores achegas do curso obtivéronas en dous niveis. A nivel persoal, axudoulles a coñecerse mellor, a marcarse obxectivos profesionais e a saber establecer unha folla de ruta para conseguilos. A nivel profesional, brindoulles unha visión completa dos sectores que se desenvolven en torno ao mar”, explica a coordinadora.