DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun proxecto itinerante de formación universitaria do Programa de Maiores da UVigo

Allariz acolle unha nova edición das 'Mareas de coñecemento e experiencia'

As sesións celébranse cada mércores pola tarde do mes de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 24/05/2023

Cada mércores pola tarde do mes de maio, o Concello de Allariz acolle a celebración dunha nova edición das Mareas de coñecemento e experiencia. Trátase dun proxecto itinerante de formación universitaria que naceu ao abeiro do Programa de Maiores da Universidade de Vigo e impulsado pola Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións e a Escola Aberta de Formación Permanente desta institución académica. A súa finalidade é achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural maior de 50 anos, levando aos concellos da contorna un programa de seminarios teóricos-prácticos de diferentes contidos, segundo as demandas dos concellos implicados.

Este programa de democratización do coñecemento, que conta cunha subvención da Consellería de Política Social e Xuventude, xurdiu no marco da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores en 2018 co fin de afrontar dende o eido universitario os retos do envellecemento da poboación e acadar obxectivos comúns na aprendizaxe ao longo da vida. Deste xeito, trátase de deseñar e organizar actividades formativas e de extensión cultural destinadas ás persoas que, por motivos xeográficos ou económicos, non poden asistir aos Programas Universitarios para Maiores nas sedes oficiais dos tres campus.

Alimentación, saúde e impostos

Na contorna de influencia do campus de Ourense, as Mareas de coñecemento e experiencia xa se teñen celebrado nas vilas de Celanova e Lalín. Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e coordinador do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense, sinala que agora é a primeira vez que esta actividade chega a Allariz contando con apoio do seu concello. A actividade celébrase no Fogar dos Maiores desta vila e consta de dous seminarios. O primeiro centrouse en saúde e benestar e tivo lugar os días 3 e 10 de maio a cargo de Marisol López Reyes, profesora do Programa Universitario de Maiores da UVigo. Contou cunha sesión divulgativa sobre contorna natural, alimentación e saúde e unha sesión práctica sobre etiquetado de produtos, ferramentas para una compra saudable, dieta equilibrada e merenda saudable.

O segundo dos seminarios é Como entender os impostos e terá lugar os dúas 24  e 31 de maio a cargo do propio Alberto Vaquero. Na sesión deste mércores e do seguinte, indica o profesor da UVigo, explicará “cuestións básicas sobre fiscalidade, dende unha perspectiva moi práctica, para axudar ás persoas de 50 ou máis anos a entender os impostos”. Entre outras cuestións, detalla, abordarase as herdanzas e doazóns, as chamadas herdanzas en vida, os principais tributos locais (como o Imposto sobre Bens Inmobles ou a Plusvalía Municipal). Aproveitando que estamos en plena campaña da renda, tamén se achegarán aspectos básicos sobre o Imposto da Renda das Persoas Físicas, en especial o tratamento das rendas procedentes das pensións, tanto a nivel estatal como aquelas procedentes do estranxeiro, e plans e fondos de pensións, ademais de nocións básicas sobre o investimento dos aforros. Non faltará algunha recomendación para optimizar a factura fiscal.

Moi boa acollida

Segundo explica o responsable do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense, “a acollida en Allariz, tal e como sucedeu en Celanova e Lalín, está sendo moi boa”. En concreto, detalla, están matriculadas 13 persoas nos dous seminarios “e a tenor do interese das e dos participantes, que realizan moitas preguntas, e o ao tratarse de temas de interese para todos, estamos moi satisfeitos coa acollida e agradecidos ao Concello de Allariz por posibilitar que o Programas de Maiores se imparta tamén fóra do campus de Ourense”. Así, recalca o profesor, “sen dúbida a clara aposta da Universidade de Vigo, e especificamente da Escola Aberta de Formación Permanente, por este tipo de actividades é fundamental para "exportar" o Programa de Maiores a outras vilas, no noso caso preto de Ourense”. Finalmente, Alberto Vaquero sinala que “agardamos que outros concellos, vendo o éxito desta actividade, se queiran sumar a esta iniciativa en futuras edicións”.