DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proposta foi aprobada en Xunta de Escola e agora está pendente do Consello de Goberno

A alta demanda da EU de Fisioterapia obriga ao centro a crear unha normativa propia para regular o acceso ás prazas de traslados

Destinarase o 2% das vacantes a alumnos que proveñan de outras institucións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 20/05/2008

A pesar da recente aprobación dun acordo común para toda a Universidade que regula o acceso de alumnos que proveñen de outras institucións, a alta demanda de estudantes que cada ano recibe a Escola Universitaria de Fisioterapia, obrigou ao centro a crear unha normativa propia que limite as prazas de traslados co único obxectivo de “manter a alta calidade da formación que se lle da ao alumnado e o conseguinte prestixio da escola”, apuntou o seu director, Manuel Gutiérrez Nieto.
A nova proposta, que está pendente de ser aprobada por Consello de Goberno, pretende outorgar un 2% do número total de vacantes das que dispón a institución para os estudantes que proveñan de outras universidades. Ademais, un dos requisitos imprescindibles para poder acceder será que o solicitante deberá ter unha nota media igual ou superior á do último alumno que entrou nese curso académico. “Con esta condición o único que pretendemos é que non se empreguen os espazos de traslados para entrar na escola cando non se puido no seu momento por non ter a suficiente puntuación, o que suporía unha inxustiza para todos aqueles que quedan en listas de espera”, explicou Manuel Gutiérrez.
Na normativa xeral pola que ata agora se rexen as diferentes facultades para a xestión dos traslados, o único requisito é que o estudante teña superados 60 créditos da titulación para poder acceder dunha universidade a outra, tendo que dar cabida a todos aqueles que cumpran con estas condicións. En relación a isto o director da EU de Fisioterapia comentou que é preciso “limitar o número de prazas para garantir a igualdade de capacidade e de méritos, xa que hai rapaces que non poden acceder por centésimas e sería inxusto que entrara alguén con menor nota”, subliñou Manuel Gutiérrez.

 

Unha formación de calidade baseada nas prácticas profesionais

Diplomatura en Fisioterapia é a titulación do campus que conta cun maior número de horas de prácticas profesionais no seu plan de estudos, debido ao tipo de disciplina no que se forman os alumnos. As denominadas estancias clínicas ocupan gran parte da programación académica e isto é o que imposibilita ao centro a poder acoller a máis estudantes cada ano. Deste xeito, as 50 prazas de novo acceso ao inicio do curso garanten un ensino personalizado e de calidade, proporcionando a cada estudante o equipo e o instrumental necesario para formarse nas diferentes áreas da saúde que abarca a Fisioterapia.