DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous alumnos de Belas Artes desenvolven unha residencia artística na Sala X

Alterar o cotián para 'hackear' a realidade

Macarena Montesinos e Berio Molina levarán a cabo diferentes accións na cidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/10/2019

Experimentar co cotián, transformar un elemento para producir cambios nun determinado lugar. Ese é o eixo das intervencións artísticas que os estudantes de doutoramento da Facultade de Belas Artes Macarena Montesinos e Berio Molina desenvolverán na cidade ata o 18 de outubro, despois de que o seu proxecto Manifesto piqui piqui fose seleccionado na convocatoria Residencias Paraíso. A Sala X é un dos dez espazos nos que se levan a cabo nestes meses os proxectos de creación e investigación artística seleccionados na terceira edición desta convocatoria promovida polo colectivo RPM co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Este espazo expositivo será pois a sede desde a que Montesinos e Molina idearán unha serie de breves accións que levarán a cabo en diferentes espazos da cidade e que recollerán en pequenos vídeos que irán subindo ás redes sociais.

“Experimentar co máis inmediato que temos, que é a cotiandade” para crear “algo rápido co mínimo posible” constitúe, como explica Molina, a base do manifesto que estes dous artistas presentaron este martes no espazo expositivo do campus xunto a Manuel Morquecho, director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus; Silvia García, coordinadora da Sala X, e Rut Balbís, representante do colectivo RPM. “Igual que os hackers entran nun programa informático, cambian algo de código e ese programa pasa a facer outra cousa totalmente diferente, a nosa idea é transformar algo para que unha realidade se manifeste dunha forma diferente”, explica Molina do proxecto artístico que nesta xornada arrincou cunha primeira acción, a de dar lectura ao manifesto, nun percorrido a través da sala.

Accións na rúa e xornadas abertas á participación

Ata o venres 18 desenvolverase na Sala X esta residencia artística, na que “iremos cada día pola mañá a buscar as localizacións para logo, pola tarde, facer a acción que rexistraremos en vídeo e colgaremos nas redes”, explica Montesinos dun proxecto que, nese senso, aborda a idea “da pantalla como unha forma de escenario”. Ademais destas accións, os artistas celebrarán o vindeiro mércores 9, en horario de 19.00 a 21.00, un encontro aberto a todas as persoas interesadas, ás que se lles explicarán os propósitos do Manifesto piqui piqui, co propósito de desenvolver, o mércores 16, “unha xornada aberta” na que as e os participantes poidan realizar tamén as súas propias accións.

Nese senso, Balbís lembrou que nas dez sedes destas residencias desenvólvese unha programación dirixida “a que os artistas non queden illados durante os procesos creativos” e a que a contorna “poida mergullarse nos procesos e nos momentos que ás veces non se ven nas obras finais”. Mais de 80 proxectos de creación e investigación concorreron neste 2019 á terceira edición destas Residencias Paraíso, dirixidas a impulsar proxectos “de creación e investigación” vinculados ás “artes vivas e do movemento”, poñendo o foco no propio proceso “sen a obriga de facer un produto final”, explicou Balbís. 

Accións que se rexistrarán en vídeos de 15 segundos

“A acción piqui debe ser rápida. Pensarse, executarse e rexistrarse nun só día”. Este é o primeiro punto do Manifesto piqui piqui, que busca trasladar co seu nome esa idea de “inmediatez”. Segundo recolle o texto, o punto de partida da proposta é xerar “un acto de hackeo da realidade” a través de accións que “só poden empregar os obxectos do propio lugar”, nas que o corpo “non debe ser nunca o suxeito” e que deben á súa vez integrar tanto aos seus protagonistas como á xente que se atopa no lugar e á que vai posteriormente coñecela a través de internet, Cada acción, recolle o documento, será recollida nun vídeo de 15 segundos que se difundirá a través das redes sociais coa etiqueta #piquipiqui.