DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sala de arte acolle unha mostra da creadora Paula Noya

Alterarte abre as súas portas á reflexión sobre o desarraigamento no fogar

A comisaria da exposición é Paula Cabaleiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 23/05/2018

Unha exposición que “reúne unha serie de obras que reflexionan sobre o desarraigamento sufrido no espazo máis inesperado: o fogar”. Así se presenta a nova mostra que desde este mércores e ata o 7 de setembro acollen os muros da Sala Alterarte, a sala de arte contemporánea do campus de Ourense. Trátase de Son Aquela! Espazo de Desarraigamento, da creadora Paula Noya e curada por Paula Cabaleiro no marco do proxecto expositivo desta sala Estado Crítico 4. 12 Curador*s 12 Artistas

A inauguración contou coa participación de artista e comisaria e de Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte; José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense, e Jesús Vázquez, alcalde de Ourense. De Son Aquela! Espazo de Desarraigamento, Xosé Manuel Buxán destacou como unha vez máis con ela se consegue transformar a Sala Alterarte, “un espazo pequeno pero xa moi prestixiado na profesión artística”. Pola súa banda, José María Faílde deu lectura a unhas verbas enviadas para a inauguración por Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense, que non puido asistir ao acto. Nelas, quixo “agradecer o magnífico traballo de Paula Cabaleiro, quen curou esta exposición, e de Paula Noya por aceptar o convite e pasar a formar parte xa deste Estado Crítico 4”. Tamén salientou Virxilio Rodríguez como ao longo dos catro anos do seu mandato que agora remata “nesta sala atopei sempre un lugar perfecto para a expansión, e agardo que así siga sendo”.

Identidade e pertenza

Pola súa banda, a comisaria quixo salientar como Estado Crítico supón “un valor engadido” para a Sala Alterarte e destacou o labor que realiza de pór en relación comisarios e comisarias, artistas, críticos e críticas e profesorado. Sobre a mostra en concreto, Paula Cabaleiro subliñou  como “reinterpreta o concepto de familia” e como afonda en como “nalgún momento sentimos o desarraigamento porque non atopamos o noso lugar no mundo e necesitamos fuxir do fogar para logo volver e retomar ese vínculo doutro xeito”. 

Sobre a súa mostra, a creadora destacou como afonda “no desarraigamento, cando a familia non se sente como espazo de arraigo” e “na construción da identidade” e o sentido de pertenza no marco da familia. Para facelo, a exposición conta con tres instalacións, todas elas acompañadas por versos da poeta galega María Mariño “que se poñen en diálogo coa obra” e que foron seleccionados por recoller eles mesmos esta idea de desarraigamento. Ocupando o fondo da Sala Alterarte, a máis visible destas tres instalacións é para as e os visitantes a titulada Desarraigamento. Está construída empapelando toda a parede do fondo da sala “remitindo ao ambiente cálido do fogar”. Nela colócase un coxín bordado que na distancia curta “revela un escenario imprevisto e desconcertante”, tal e como sinalou a comisaria da mostra. Trátase de filas de cascudas que xorden do coxín e que se saen dos límites do papel para transformar un espazo que se “presupón seguro e acolledor” “nun espazo ferinte, desapracible e violento”. 

A segunda das instalacións leva por título Ausencia e está formada por unha serie de fotografías procedentes dun álbum familiar reconstruídas como se fosen pezas dun quebracabezas. Trátase, indicouse na mostra, dunha metáfora da construción da vida cuestionando a fronteira entre o ausente e o presente. As fotografías están acompañadas por unha videocreación na que a autora vai compondo eses quebracabezas. A última das obras expostas é a serie de catro debuxos de O Fío de Cloto, que, indicou a creadora Paula Noya, son froito da súa paixón polo debuxo detallista e nos que reflexiona sobre “o percorrido da vida, do sufrimento” tomando a idea das Parcas da mitoloxía romana. Esta instalacións, engadiu a comisaria, “enfróntanos a esa procura da identidade e o transcorrer da existencia” que vén representada pola figura das madeixas, neste caso construídas de ferro e arame de espiños e “opoñéndose radicalmente á idea que transmite a lá, que evoca suavidade e calor”.