DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Casa das Campás de Pontevedra

Alto grao de satisfacción dos graduados na terceira promoción do Programa para Maiores

Seis dos oito graduados continuarán a súa formación co ciclo de especialización

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 26/10/2007

“A universidade puxo a nosa disposición os seus coñecementos, as súas instalacións, o seu profesorado e a súa experiencia. Sempre lle estaremos agradecidos por esta oportunidade que nos deu. Pareciamos adolescentes, ¡qué agradables foron estes tres anos e qué rápido pasaron!”. Así describiu Manuel Rocafort, no acto de graduación da terceira promoción do programa para maiores e en representación dos alumnos, a oportunidade que lles brindou a universidade.
O vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, mostrouse moi contento cos resultados obtidos no programa: “ hai que dicir que o grao de satisfacción é moi elevado, tanto dos estudantes, coma dos profesores e naturalmente tamén dos que estamos na xestión. É algo co que todos estamos moi contentos”.
Antes de proceder á entrega dos diplomas acreditativos aos graduados universitarios sénior, o director do programa José María Gil Villanueva, resaltou a importancia que ten para os alumnos obter o título que lles ofrece a Universidade de Vigo: “a maioría dos estudantes teñen estudos primarios ou medios, é unha experiencia nova que teñen na xubilación, e por iso están cheos de entusiasmo, están porque queren e iso vale moito”. Proba desta satisfacción é que seis dos oito alumnos graduados completarán a súa formación co ciclo de especialización que lles ofrece a universidade, como é o caso de Isabel Pérez quen expresou “facer estes cursos foi volver, dalgunha maneira, á xuventude”.
Pola súa banda e coma representante dos profesores das aulas para maiores, Domingos Antón expresou emocionado: “é unha maneira de seguir vivos. Estas aulas non deberían ser só para os maiores, todo o mundo debería acudir as aulas para comunicarse cos demais nun mundo onde hai tanto atropelo, tan pouca comunicación, tanta soidade e tanto individualismo. O máis importante é o aspecto humano, esa humanidade recuperada nun mundo de presas onde un non está fronte aos outros, está contra os outros”

Programa para maiores

O programa oferta estudos para aqueles que, por varias razóns, non puideron acceder á Universidade no seu momento ou que, aínda tendo ido, xa titulados, desexan unha nova oportunidade de regresar ás aulas.
Os estudantes graduados obtiveron o título de Graduado Universitario Sénior, diploma conseguido tras tres anos de traballo no ciclo intensivo (54 créditos e 540 horas). Tras obter esta titulación os alumnos poden acceder ao ciclo de especialización cunha duración de dous anos académicos e con fin de acadar o diploma de Graduado Superior Sénior (36 créditos e 360 horas)