DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola acolle o venres e sábado o evento final da novena edición de Pontenciencia

O alumnado de 19 centros de ensino da cidade exhibirá o seu talento científico na EE Forestal 

O evento recupera o seu formato habitual, coa presentación dos proxectos diante do xurado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 23/05/2022

Despois de que a covid-19 impedise levala a cabo os últimos dous anos, a Escola de Enxeñaría Forestal volverá a ser a sede, o venres 27 e o sábado 28, da Feira da Miniciencia, o evento final de Pontenciencia, un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo, que busca “estimular a participación cidadá en procesos científicos e visualizar a ciencia entre os nenos e nenas e o público en xeral”, como salientan desde a organización. Despois de que o alumnado de dez centros de primaria e de nove de secundaria, así como doce familias, desenvolvesen nos últimos meses 36 proxectos e experimentos científicos, as e os escolares presentarán nestas dúas xornadas os resultados do seu traballo diante dun comité científico integrado por investigadores dos diferentes centros do campus, que decidirá cales serán merecedores dos premios nas tres categorías da feira, Ciencia no cole, Xoves investigadores e Ciencia en familia

Financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia e Innovación, e promovida pola Concellaría de Educación coa colaboración da Vicerreitoría do campus, a Deputación de Pontevedra e a Federación Provincial de Anpas (Fanpa), o programa de Pontenciencia 2022 foi presentado este luns no Concello, nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández; o vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto; o deputado provincial Santos Héctor e representantes das diferentes empresas colaboradoras. Como explicou Fernández, Pontenciencia “ten o obxectivo de desenvolver o pensamento investigador, poñendo ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que promovan unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación”. En primeiro termo, explicou, o proxecto implicou o desenvolvemento duns obradoiros de formación no método científico dirixidos tanto aos escolares de primaria como ás familias participantes e a iniciativa complétase agora cunha feira que recupera o seu formato habitual, “un auténtico espectáculo” aberto á cidadanía, que pode ver “todos os experimentos e as explicacións dos rapaces en directo”. 

Como un “evento moi importante para o campus da cidade”, definiu Soto unha iniciativa que, antes desta feira, implicou a formación sobre o método científico “e a proxección da Universidade en todos aqueles centros que teñen a ben ser cómplices deste fermoso acontecemento”. Nese senso, o vicerreitor quixo salientar o labor das coordinadoras de Pontenciencia, Saleta González e Vanesa Estévez, así como pór de relevo a importancia que ten “a implicación das familias” nunha iniciativa que busca achegar a cidadanía “á ciencia que todos os días é parte de nós”.  

Dúas xornadas, 36 proxectos, tres categorías

A Feira da Miniciencia ábrese na mañá do venres coa presentación dos 18 proxectos desenvolvidos, na categoría de Ciencia no cole, por estudantes de 5º e 6º de primaria dos CEIP Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Marcón, Ponte Sampaio, San Benito de Lérez e A Xunqueira II, así como dos CPR Calasancio, Sagrado Corazón de Pontevedra e Sagrado Corazón de Placeres. De xeito paralelo, a EE Forestal acollerá ao longo da mañá unha decena de talleres para as e os escolares, centrados en temáticas como a reacción dos cultivos ante as pragas, as praias, a “vida escondida” das ameixas ou os satélites Sentinel, organizados coa colaboración, entre outros, do Campus do Mar, da Área de Astronomía e Astrofísica da UVigo e do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental (Geoma), da Facultade de Ciencias do Mar.

Xa pola tarde, chegará o momento de coñecer os 13 traballos realizados en nove centros de secundaria; os institutos Luís Seoane, Frei Martín Sarmiento, A Xunqueira II, Montecelo, Torrente Ballester e Valle Inclán, o CPR Sagrado Corazón de Praceres, o CIFP Carlos Oroza e o CFEA de Lourizán. Estes proxectos optarán os Premios Homenaxe á muller investigadora, que buscan “facer visible o esencial papel das mulleres investigadoras ou pioneiras en calquera ámbito do coñecemento”, como salientou Fernández. Trátase de cinco premios de 300 euros, patrocinados polas empresas Hifas da Terra, Viaqua, Setga, Marine Instruments e Cristalería Pontevedresa, representadas neste acto por Esteban Sinde, Casimiro González, Manuel Fernández, Begoña Vila e Elisa Barbeiro, respectivamente. 

Por último, o sábado defenderanse os cinco proxectos da modalidade Ciencia en familia e procederase á entrega de premios nas diferentes categorías. De decidir o nome dos gañadores e gañadoras encargaranse uns comités científicos integrados por investigadores e investigadoras do campus, do Instituto Español de Oceanografía e do CSIC, que previamente achegaron tamén diferentes propostas de investigación aos participantes.