DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cifra de asistentes ascende a máis de 120 estudantes, académicos e profesionais

Alumnado de 20 universidades participará nunhas xornadas sobre control de xestión desde unha perspectiva de xénero

A actividade desenvolverase de xeito virtual o día 27 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 22/10/2021

O vindeiro 27 de outubro celebrarase de xeito virtual a terceira edición das xornadas Control de xestión desde unha perspectiva de xénero, co-organizadas pola Universidade de Vigo e AICOGestión. A cita contará coa asistencia de máis de 120 estudantes, académicos e profesionais procedentes de máis dunha vintena de universidades iberoamericanas. O seu obxectivo é contribuír a fomentar, especialmente entre as e os futuros profesionais que agora se forman nas aulas, unha visión máis completa desta función directiva desde una perspectiva de fomento da igualdade entre homes e mulleres.  

Un perfil moi demandado

A cita, coordinada polo profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense Ernesto López-Valeiras, conta co patrocinio de Ecobas e a Unidade de Igualdade da UVigo e a co-organización de AICOGestión, asociación de carácter non lucrativo que persegue a promoción e difusión do coñecemento científico e profesional na área da contabilidade e o control de xestión e que pretende ser referente no seu eido de actuación en España, Portugal e América. Segundo explica Ernesto López-Valeiras, a falta duns días para a celebración do evento, están inscritas arredor de 120 persoas de países como España, Brasil, Chile, Uruguai ou El Salvador, “principalmente alumnado de graos relacionados coa Contabilidade e Administración de Empresas, pero tamén académicos e profesionais interesados neste ámbito”.

Sobre a importancia de abordar a temática destas xornadas, desde a súa organización lembran que a pesar de que as mulleres representan a metade da sociedade e dos avances en igualdade acadados, na actualidade arredor de tres de cada catro postos de control de xestión están ocupados por homes e só un por mulleres. Ademais, engade o coordinador da iniciativa sobre a relevancia de dar a coñecer este eido entre o alumnado universitario, “o de control de xestión é un dos perfís profesionais máis demandados e a crise da covid e o desenvolvemento das tecnoloxías de análise de datos fará aínda máis necesario profesionais formados neste ámbito”. Neste contexto, engade López-Valeiras, con este evento tratan de dar resposta desde o eido académico á demanda de información e formación por parte do alumnado sobre ámbitos con saídas laborais relevantes, dedicando especial atención neste caso tamén "a dar resposta á necesidade de transversalizar o enfoque de xénero a todos os niveles da sociedade”.

Tres visións

A xornada, de inscrición de balde, estará moderada por Beatriz González (profesora da UVigo e vogal da Comisión de Contabilidade de Xestión da Asociación Española de Administración y Dirección de Empresas) e seguirá a filosofía de anteriores edicións de combinar a visión e experiencias de tres perfís diferenciados no ámbito do control de xestión: unha profesora universitaria (de Uruguai), unha profesional (de España) e un responsable académico (de El Salvador). Concretamente, Norma Pontet, catedrática de Contabilidade Xerencial da Universidad ORT (Uruguai) falará do control de xestión na actualidade, abordando na súa conferencia aspectos sobre a súa definición, ferramentas e desafíos. Leticia Varela, egresada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e controller en Greenalia, falará do “día a día” do seu traballo en control de xestión, abranguendo as características da súa empresa, departamento, tarefas e retos que afronta diariamente. Por último, Ricardo Flores, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais na Universidad Centroamericana José Simeón Cañas (El Salvador), ofrecerá unha conferencia titulada Xénero e desenvolvemento institucional: retos e desafíos a ter en conta no control de xestión.