DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves celebrouse no campus o I Mentor Day coa participación de máis de 20 empresas

Alumnado de ADE-Dereito participa nun innovador programa de mentorización empresarial

Déronlles a benvida o reitor, Manuel Reigosa, e o presidentes da Fundación Mentor, Andrés Fernández

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 20/09/2018

Un cento de alumnas e alumnos do programa de simultaneidade Administración e Dirección de Empresas-Dereito participou este mediodía no campus no I Mentor Day, unha actividade organizada pola Fundación Mentor e na que estes estudantes tiveron a oportunidade de intercambiar ideas e experiencias cos seus mentores, persoas responsables de máis de vinte empresas de diferentes sectores da área metropolitana de Vigo. Déronlles a benvida o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Fundación Mentor, Andrés Fernández, que fixeron fincapé na importancia de dotar aos directivos do futuro de todas as habilidades necesarias para converterse en profesionais competentes de alto desempeño.

“A universidade é como institución xa vella e, como en todas as entidades históricas, os cambios non sempre son doados. Pola contra, a sociedade está a mudar de xeito tremendamente rápido e, aínda que non sabemos cales serán as profesións do futuro, do que si estamos certos e que todas estas competencias que estades a aprender neste programa vanvos ser tremendamente útiles no futuro”, explicoulles o reitor, ao tempo que agradeceu a todos os patronos “toda a colaboración que nos estades prestando e que supón un gran valor engadido para os nosos estudantes”. Neste “valor engadido”, fixo tamén fincapé o presidente da fundación, Andrés Fernández, quen quixo recalcar “a necesidade de cultivar tanto o coñecemento como o talento” e, nesa liña “xurde esta fundación coa que queremos axudar á sociedade a xerar máis profesionais e directivos”.

Programa piloto

Concebido a modo de xuntanza informal, para facilitar así a comunicación e o intercambio entre persoas mentoras e mentorizadas, este primeiro Mentor Day serviu tamén de punto de encontro entre todos os alumnos e alumnas desta titulación que ao longo do curso pasado participaron nun programa de habilidades e competencias -deseñado pola Fundación Mentor e que se impartiu na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais-, co novo alumnado que este ano se incorporará a esta iniciativa e cos principais responsables das empresas participantes, así como doutras entidades que agardan unirse ao proxecto ao longo dos vindeiros meses.

Este programa piloto de habilidades e competencias, de carácter totalmente gratuíto e inscrición voluntaria, volverá impartirse nas instalacións da Universidade e as sesións concentraranse a principios de curso, comezos do mes de febreiro e primeiras semanas de xuño. Ao igual ca o curso pasado, este particular sistema de clases, impartidas por profesionais especializados, combinarán sesións plenarias con tarefas doutro tipo nas que se traballarán múltiples cuestións relacionadas con temas de intelixencia emocional, comunicación e oratoria, resolución de conflitos e negociación, traballo en equipo, liderado e xestión do tempo.

Máis de vinte empresas da área metropolitana de Vigo

Co reitor da Universidade de Vigo como presidente de honra, a Fundación Mentor, de carácter privado e sen ánimo de lucro, constituíuse en 2017 en Vigo para facilitarlle ao alumnado universitario, sobre todo ao do ámbito xurídico-empresarial, o salto ao mundo laboral. Para conseguilo formularon como un dos seus obxectivos fundamentais a organización e financiamento de diferentes actividades dirixidas á formación en materias que non son académicas, nin están presentes nos plans de estudo, pero que, ao seu modo de ver, resultan claves para o desenvolvemento profesional das tituladas e titulados.

Tras asinar, en xullo dese mesmo ano, un convenio coa Universidade de Vigo, deciuse que a posta en marcha de actividades se centraría nun primeiro momento no alumnado do programa de simultaneidade ADE-Dereito, aínda que a idea é ir incrementando o número de titulacións participantes.

Vicepresidida polo profesor da Universidade de Vigo Jorge Falagan, forman parte desta fundación algunhas das empresas máis relevantes da contorna viguesa pertencentes a moi diversos sectores: Baltar + Abogados, Astilleros Cardama, Hospital Povisa, CZ Veterinaria, Iberconsa, Mascato, Deloitte, Pérez Rumbao, Partenon, AIG Software de Gestion, Grupo P&A Consultoría...