DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores realizaron un concurso de lanzamento para pór a proba as súas propostas

Alumnado de Aeroespacial compite no deseño do mellor paracaídas

No marco dun proxecto de innovación docente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 28/11/2024

Alumnado de terceiro curso da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense desenvolveron nas últimas semanas un proxecto de innovación docente que consistiu nunha competición de deseño e lanzamento de paracaídas. O obxectivo foi que, traballando en grupo e co aliciente de competir, aplicasen nun caso práctico contidos e competencias da materia Mecánica de Fluídos 2 e Dinámica de Fluídos Computacional, do Grao de Enxeñaría Aeroespacial.

A actividade estivo coordinada polo profesor da escola Eduardo Suárez Porto e foi realizada no marco do Grupo de Innovación Docente CFD Aplicado á Docencia, que ten como propósito explorar as capacidades da dinámica de fluídos computacional como ferramenta de axuda na aprendizaxe. Concretamente, no concurso de paracaídas participaron 65 alumnas e alumnos, organizados en 18 grupos de traballo. Cada grupo tivo que deseñar e construír un paracaídas funcional, con total liberdade construtiva salvo unha limitación na superficie máxima dispoñible e apoiándose nos seus coñecementos de dinámica de fluídos computacional.

Os modelos feitos participaron este mércores pola tarde nun concurso de lanzamento que tivo lugar no interior do edificio Politécnico. Os paracaídas foron lanzados todos co mesmo lastre e desde unha altura de 20 metros, empregando para iso o oco das escaleiras do citado edificio. O obxectivo era obter a caída máis lenta posible. “A actividade desenvolveuse de forma moi exitosa, xa que houbo unha sa rivalidade entre os diferentes grupos por conseguir o mellor resultado, e con iso a mellor cualificación posible”, explica o responsable da iniciativa. O grupo gañador, detalla, conseguiu un tempo de 8 segundos e 33 centésimas en completar o descenso, cunha grande estabilidade en voo. “Estou moi satisfeito co desenvolvemento do concurso e a participación do alumnado, xa que se presentaron moitos deseños e moi variados e a iniciativa espertou o interese xeral de todo o persoal do centro, que se achegou a seguir de preto a actividade”, sinala Eduardo Suárez. En vista desta acollida, a organización agarda repetir o proxecto en próximas edicións.