DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia celebrada este venres no campus

Alumnado de Aeroespacial coñece da man de Coasa as demandas do sector

A cita contou coa participación de Yago Fontán e Ricardo Escolano

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 05/04/2019

Co obxectivo de achegar ao seu alumnado a realidade do sector, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense desenvolve cada curso académico un ciclo de conferencias chamado Foro Aero. Este venres o centro celebrou unha nova edición desta iniciativa que tivo como obxectivo coñecer o traballo que se realiza no sector aeronáutico da man dunha empresa destaca nel como é Coasa.

A sesión contou coa participación de Yago Fontán, director xerente de Compoñentes Aeronáuticos de Coasa, e Ricardo Escolano, xefe de Enxeñaría de Produción da mesma empresa. Durante a súa intervención Yago Fontán, falou sobre o presente e futuro do sector aeronáutico, da evolución do mercado, dos factores claves para entender o seu auxe, do perfil de profesionais que demanda e do papel que xoga Coasa neste escenario. Así, explicou como “claramente hai un crecemento sostido do sector desde hai xa 20 ou 30 anos. A pesar das crises a nivel mundial o sector seguiu medrando dun xeito continuado a un ritmo do 4%. Loxicamente veuse afectado pola crise pero con resilencia seguiu cara adiante”. Na evolución do sector, o relator apuntou como algúns dos factores clave foron a incorporación dos composites nos avións e a revolución que supuxo a transferencia de competencias dos fabricantes de avións cara a cadea de subministro, “achegando máis valor ao sector”.

O alumnado presente na conferencia puido coñecer como Coasa “é unha empresa que representa aproximadamente un 10% do grupo Aernnova e na que fundamentalmente facemos pezas en material composto, composite, estuturas de tamaño mediano”. Tendo como principais clientes a Embraer e Airbus, Yago Fontán sinalou como a súa empresa “está moi ben posicionada” xa que, apuntou, “somos capaces de intervir en toda a cadea de valor, desde a parte de concorrencia de deseño ata a entrega final, incluso no tema de repostos”.

Futuros profesionais do sector

Durante a súa intervención o director xerente de Compoñentes Aeronáuticos de Coasa salientou ás e aos futuros profesionais presentes na sala como o que demanda o mercado aeronáutico é persoas con coñecementos de “técnicas de fabricación, técnicas de optimización de custes, coñecemento de deseño de produto, de ferramentas colaborativas co cliente e por suposto inglés”. Lembrando como Coasa aplaudiu desde o principio a posta en marcha desta Escola de Enxeñaría Aeronáutica da Universidade de Vigo, Yago Fontán indicou ás e aos estudantes presentes como “estamos desexando incorporar na medida das nosas posibilidades futuros profesionais que se comprometan no proxecto”.

Pola súa banda Ricardo Escolano foi o encargado de falar ao público presente sobre enxeñaría concorrente na fabricación de compoñentes e estruturas aeronáuticas en material composto. Durante a súa intervención falou “de que é o que se fai en Coasa, como o facemos e quen o fai”. Así o alumnado puido escoitar da súa man “o fluxo de proceso que temos, desde a realización de ofertas ata a industrialización”, coñecendo como se fai cada un dos procesos e como se organiza o departamento implicado para acometer as tarefas necesarias.