Nunha xornada que pecha os actos de celebración do patrón do centro
O alumnado de Aeroespacial familiarízase cos drones e o aeromodelismo
Contou con participación de empresas e outras entidades relacionadas co sector
Alumnado e dirección da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense organizou nas últimas semanas un amplo abano de actividades lúdicas e formativas co gallo da celebración do seu patrón. Como peche, este luns o centro celebrou unha Xornada de Aeromodelismo e Drones. Nela as persoas interesadas tiveron a oportunidade de coñecer in situ no campo de fútbol rugby universitario as características dalgúns destes aparellos e do seu voo.
Entre os participantes estivo a Asociación de Aeromodelismo de Ourense, que fixo unha demostración de montaxe e voo de aparellos, e empresas como Aeromedia e Aerialworks. A iniciativa enmárcase, explican desde a escola, no seuinterese en que o alumnado se achegue a estas naves desde os seus estudos de grao. O centro, lembran, puxo en marcha este curso académico xunto á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela, o Mestrado Oficial Interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados.