DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso sobre aeronaves non tripuladas impartido por Higinio González

Alumnado de Aeroespacial introdúcese no mundo dos drones

A formación desenvolverase ao longo de toda a semana

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 21/05/2018

Desde este luns e ata o venres, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebra a segunda edición do seu curso Introdución aos sistemas aéreos non tripulados. Unha vintena de estudantes, principalmente alumnado deste centro, participa nunha formación na que se ofrece unha panorámica sobre os drones centrándose en tres aspectos fundamentais: a súa enxeñaría, as operacións que se poden facer con estas aeronaves e a súa aplicación en diferentes sectores. 

“Os drones son unha tipoloxía de aeronaves que está entrando con moitísima forza no mercado nos últimos anos e pode ser un nicho de empregabilidade para o alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Os seus estudantes van a saír a un mundo laboral no que non só haberá Airbus, tamén haberá moitas aernonaves non tripuladas. Por iso é importante que se vaian introducindo no eido dos drones”, comenta o docente que imparte o curso, Higinio González Jorge. Profesor contratado doutor da Área de Xeodesia e Teledetección da Universidade de Vigo e piloto certificado de drones dende o ano 2014 con experiencia tanto a nivel de desenvolvemento como operación con diversos sistemas aéreos non tripulados, González Jorge repite por segundo ano como responsable desta formación salientando “os bos resultados” acadados ata o de agora.  

Do marco lexislativo aos usos comerciais

Os contidos do curso, de 25 horas de duración, están divididos en dúas partes. Unha primeira ten un carácter principalmente teórico e consta de módulos de introdución e conceptos xerais; de enerxía, propulsión e control; de subsistemas de sistemas aéreos non tripulados e de aplicacións dos sistemas aéreos non tripulados. A segunda parte ten unha faciana máis práctica e nela levaranse a cabo módulos de especificacións técnicas de sistemas aéreos non tripulados e planificación de voo fotogramétrico e procesamento de datos. Ademais, as e os participantes achegaranse nesta parte aplicada ao uso de Arduino para drones e realizarán por último unha visita de estudos ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas o mércores pola mañá, visita na que asistirán ao acto de presentación do Mestrado en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, que ofrecerán conxuntamente as universidades de Vigo e Santiago de Compostela o vindeiro curso académico. 

“Hoxe comezamos o curso cunha introdución ás aeronaves en xeral e máis concretamente ás aeronaves non tripuladas e ao marco lexislativo dos drones. Mañá martes seguiremos con temas de sistemas de control e enerxía e xoves e venres achegarémonos a cuestións de subsistemas de aeronaves, toma de imaxes, aplicacións comerciais, etc.”, resume Higinio González, que pertence ao comité Aenor-CTN28 de certificación de UAS. Segundo explica o profesor, aínda que estaba aberto á matrícula de alumnado que teña cursado ou que estea cursando na actualidade graos de diferentes enxeñarías, case a práctica totalidade das persoas inscritas nesta edición son estudantes de primeiro ou segundo curso de Enxeñaría Aeroespacial en Ourense. Isto, sinala, é un aspecto positivo tanto para o centro, pola complementariedade que implica para a formación dos seus estudantes, como para o desenvolvemento do curso, xa que as persoas que o realizan “teñen conceptos moi aproximados” aos que se manexan no sector das aeronaves non tripuladas. “Os estudantes van a ser capaces de entender como funcionan as aeronaves non tripuladas aínda que de momento non traballaran eses contidos nas aulas”, sinala o docente do curso.   

A celebración deste curso adiántase nesta ocasión no calendario para que a súa celebración sexa coetánea ao II Congreso Internacional de Drones que organiza en Ourense do 24 ao 26 de maio o Colexio Oficial de Graduados Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións e a Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación e no que a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense tamén está presente.