DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a súa investidura este mércores como doutora honoris causa da UVigo

Alumnado de Aeronáutica coñece os grandes avances en telescopios espaciais da man da astrofísica Begoña Vila

Na súa intervención faloulles do James Webb e do Nancy Grace

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 30/10/2025

Este mércores a astrofísica viguesa Begoña Vila, enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA, foi investida no campus de Ourense como a 31ª doutora honoris causa da Universidade de Vigo en recoñecemento á súa contribución á exploración do universo. Aproveitando a súa estadía en Ourense, este xoves ofreceu ao alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e ás persoas interesadas a conferencia Observando o Universo con telescopios espaciais. Nela falou en detalle dos telescopios James Webb e Nancy Grace e das súas achegas ao coñecemento do espazo.    

En 2006, Begoña Vila incorporouse ao proxecto do Telescopio Espacial James Webb da NASA, contratada pola Axencia Espacial Canadense e en 2013 pasou a ser contratada directamente pola NASA, converténdose en enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard, encargada de dous dos instrumentos do citado telescopio. Foi ademais a directora encargada da proba crioxénica final de todos os instrumentos deste telescopio en Goddard. O telescopio James Webb engloba a máis dun millar de persoas e manexa un orzamento por riba dos 9500 millóns de euros, sendo o máis grande e máis complexo dos lanzados ata o momento. 

Actualmente, Begoña Vila está traballando tamén no Telescopio Espacial Nancy Grace Roman, un futuro observatorio espacial infravermello considerado polo Comité Decadal Survey do Consello Nacional de Investigación dos Estados Unidos como a máxima prioridade para a próxima década da astronomía. No proxecto está a coordinar a proba crioxénica do observatorio e apoiando o desenvolvemento das operacións de guía. A previsión é que sexa lanzado a finais de 2026. 

Antes da conferencia, a nova doutora honoris causa da Universidade de Vigo amosou a súa satisfacción por ofrecer esta conferencia ao alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Neste senso, salientou que “sempre me gusta inspirar a rapaces e rapazas para que persigan aquelo que lles gusta” e animounos a seguir os seus soños profesionais. “Agardo atopar a algún destes alumnos ou alumnas traballando comigo algún día”, dixo a astrofísica galega. Cando se fala dos grandes telescopios espaciais, apuntou, a xente soe pensar en primeira instancia que para traballar neles hai que ser astrofísico e astronauta, pero en realidade, sinalou, precísase un amplo abano de profesionais, desde os que traballan en software e óptica ata electrónica e mecánica.