DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por noveno ano consecutivo celébrase no campus esta iniciativa de internacionalización

Alumnado alemán, francés e ourensán comparte un seminario sobre turismo

Nel participan 18 estudantes procedentes das cidades de Saarbrücken e Metz

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Visitas
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 03/10/2019

Cada mes de outubro nos últimos nove anos, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense organiza un seminario coa universidade alemá de Saarbrücken HTW Saar no que alumnado estranxeiro e ourensá comparte unha semana de actividades relacionadas co turismo. Desde este luns e ata o venres, 18 estudantes procedentes desa universidade e da de Metz, en Francia, participan no campus nunha nova edición desta iniciativa de internacionalización.

“Para a nosa facultade este tipo de iniciativas son moi importantes. Son moi enriquecedoras tanto para os nosos estudantes, que comparten actividades e conviven con alumnos estranxeiros, como para o noso profesorado”, comenta Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Como centro no que se traballar arredor do turismo e das ciencias empresariais, a responsable académica tamén salienta a pertinencia de desenvolver unha actividade coma esta “na que se interrelacionan varios países”. Da edición deste seminario do curso 2019/2020, Elena de Prada, vicedecana de Relacións Internacionais desta facultade, subliña pola súa banda como “houbo moitas solicitudes de alumnado de Saarbrücken”, acudindo finalmente 18 estudantes procedentes tanto da HTW Saar como da Université de Metz, coa que a universidade alemá ten un dobre grao no eido do turismo.

Desde o luns en Ourense, Elena de Prada sinala como os 18 estudantes estranxeiros e outros 18 do Grao en Turismo do centro ourensán traballan divididos en grupo internacionais, nos que se mesturan alemáns e franceses con ourensáns. O obxectivo é que desenvolvan traballos arredor de oito temas escollidos por se relevantes no turismo galego, como son o Camiño de Santiago e o turismo gastronómico, de artesanía, fronteirizo, de moda, termal e literario ou creativo. As actividades académicas nas aulas da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, detalla Elena de Prada, mestúranse con visitas relacionadas co turismo que se analiza, como a Santiago de Compostela, en relación co Camiño de Santiago; a Tui, en relación co turismo transfronteirizo, ou a Allariz, en relación co turismo gastronómico.

Unha experiencia enriquecedora

Acompañando a este grupo de estudantes estranxeiros está Kerstin Heuwinkel, profesora da HTW Saar. Sobre a relevancia deste seminario, a docente sinala como “en Alemaña temos un seminario que se chama competencia intercultural e xestión cultural e vendo a súa teoría todo é moi fácil pero se tes que traballar con persoas doutros países entendes que hai diferencias”. Por este motivo, Heuwinkel salienta a importancia que ten o traballo en equipos internacionais que esta semana se desenvolve no campus de Ourense. Ao tratarse de alumnado que está a realizar estudos de turismo, a profesora alemá tamén subliña o interese que para elas e eles ten vir a Galicia, “unha rexión que ten un turismo moi diferente da idea que a xente de Alemaña ten de España, que é a da España do sur”. Aquí, apunta, neste seminario o alumnado estranxeiro comprende “a importancia de entender como funciona unha rexión e as súas características” para entender o seu desenvolvemento turístico.

En xuño, alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus viaxará á HTW Saar para repetir esta experiencia en terras alemás. Entre as estudantes ourensás que participan estes días no seminario está Ángeles Sánchez, alumna de cuarto curso do Grao de Turismo. “A experiencia é moi positiva, moi bonita, xa que te permite coñecer outras culturas, outras formas de vida. Eu xa estiven en Saarbrücken no seminario de xuño do curso pasado e este seminario danos a oportunidade de reencontrarnos cos estudantes que coñecemos alí”, explica a alumna, que fai fincapé no enriquecedor que resulta coñecer e convivir con persoas dun país “moi diferente ao noso como é Alemaña".