Reúne as colaxes realizadas por 23 estudantes da facultade
O alumnado de Belas Artes aborda a crise da vivenda nunha exposición no Abrigo
Pode visitarse ata o 9 de novembro
Collages pola vivenda é o título da exposición que nestes días reúne na Sala O Abrigo de Belas Artes un conxunto de obras que condensan as visións de 23 estudantes da facultade sobre o problema da vivenda e o encarecemento dos alugueres. Impulsada polo colectivo Recanto, responsable no presente curso da coordinación deste espazo expositivo, esta mostra colectiva reúne un conxunto de obras inicialmente concibidas como exercicio académico para a materia Arte e espazo social, do Grao en Belas Artes.
Coordinada polo profesor David Pavo, trátase dunha materia optativa de cuarto curso na que o alumnado debe levar a cabo un exercicio no que traballen, desde a colaxe, “na elaboración dunha imaxe con implicación ideolóxica”, explica. Nun principio, apunta este docente, ía tratarse dun exercicio a abordar desde unha perspectiva xeral, “pero dada a situación social paralela marcada pola crise da vivenda, coa acampada na Porta do Sol de Madrid” e a propia “repercusión local” que tivo coa acampada situada fronte á facultade, avogou porque estes traballos puxesen o foco “nesta realidade”.
Alumnas desta materia, e integrantes do colectivo Recanto, Noa González, Xulia García e Carla Fuentes encargáronse de dar forma con estes traballos a unha exposición colectiva que poderá visitarse ata o vindeiro luns 9 de novembro. “Na colaxe aparece a nosa obrigación para ser actores dun xeito violento na súa forma. Rompemos, partimos e cortamos para unir, pegar e fusionar elementos nos que a nosa mirada poida habitar”, salienta Fuentes no texto de presentación dunha proposta na que “as visións fragmentadas de cada unha de nós únense para dar vida a esta exposición e denunciar esa masa naturalmente violenta que nos quere facer sentir fráxiles e frías”.
