DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de que poidan concorrer a diferentes tipos de convocatorias

O alumnado de Belas Artes aprende a plasmar nun proxecto obras aínda non realizadas

Nun taller inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 29/03/2023

Como afrontar, fase a fase, o deseño dun proxecto artístico que afonde nos aspectos técnicos, formais e conceptuais dunha obra ou dunha intervención que, polo de agora, aínda non está materializada. Esta idea constitúe o fío condutor do obradoiro de extensión universitaria que nestas semanas imparten na Facultade de Belas Artes os artistas e docentes Marcos Covelo e Román Corbato. Tomando como punto de partida os proxectos que ambos realizaron, ao longo dos anos, para diferentes tipos de convocatorias, os responsables deste obradoiro guían ao alumnado participante na redacción, deseño e desenvolvemento de proxectos, dossieres e currículos orientados a convocatorias concretas. 

De feito, na segunda edición dun taller inserido na programación de obradoiros da Vicerreitoría do campus, Covelo e Corbato propuxeron as e os participantes traballar no deseño dunha proposta coa que puidesen optar as residencias artísticas da Galería La Doce, en Boiro. “Presentámolo como un escenario, para que a partir de aí empecen a reflexionar sobre o que é unha convocatoria artística e sobre como presentar un proxecto”, explican. Nese senso, o propósito do taller Procesos artísticos: elaboración, deseño e proceso é conectar a abordaxe teórica dos aspectos conceptuais e técnicos que implica o proceso de preparación dun proxecto cunha parte práctica, “centrada en que preparen unha convocatoria concreta”. De feito, explica Corbato, se ben varios dos 13 alumnos e alumnas deste taller decidiron centrarse na proposta do residencia, a idea era tamén que adaptasen o proceso de abordaxe das diferentes fases de preparación "aos seus intereses”, de tal xeito que outros participantes buscan que o curso lles sirva como guía para desenvolver “proxectos persoais” ou para presentarse ao Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura. 

Deste xeito, o obxectivo do taller é que os diferentes “aspectos que imos conectando de forma teórica, poidan levarse xa á práctica dunha maneira moi inmediata”, a través de exercicios que lles achegan “ferramentas para construír despois” as súas propostas, apunta Covelo. “De aquí non van saír cun proxecto finalizado, porque ao final está a parte da idea, que é o que sempre o que hai que madurar, pero si que vamos unindo as partes coas que poden compoñelo”, engade.

Unha abordaxe que parte da propia experiencia

Entre os contidos dun taller que cubriu novamente todas as súas prazas figura un primeiro achegamento ás tipoloxías de convocatorias artísticas ás que poden optar, como premios, certames, bolsas ou residencias artísticas, para logo afondar no traballo coa estrutura, deseño, redacción e maquetaxe dun proxecto concreto. Fano ademais, explican, tomando como punto de partida a súa propia experiencia profesional como artistas, a través dunha serie de exemplos de traballos cos que concorreron a diferentes certames, tanto daqueles nos que foron premiados ou seleccionados como doutros nos que non. “Gústanos moito esa idea de éxitos e fracasos”, recoñece Corbato, que incide en que, partindo da súa propia experiencia e metodoloxías de traballo, un dos aspectos nos que pon o foco este curso é na necesidade de entender a concorrencia a certames artísticos “como unha carreira de fondo”, na que “dos fracasos é realmente do que máis aprendemos, porque esixen un exercicio de reflexión”.