DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra de San Ero reúne na Vicerreitoría do campus as creacións de 18 alumnas 

O alumnado de Belas Artes leva o seu traballo fóra da facultade a través dunha exposición

Estudantes do centro protagonizaron tamén en Marín a mostra 'Voilà la Femme'

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Asociacións de Estudantes
  • Cultura
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 30/04/2019

Belas Artes celebra, o vindeiro xoves 9 de maio, o día do seu patrón, San Ero, celebración na que se enmarca a exposición colectiva que a Delegación de Estudantes promove na sala de exposicións da Vicerreitoría do campus, na que reúne as creacións de 18 alumnas e ex-alumnas da facultade. “Queríamos que a celebración de San Ero servise para que xente vise que na facultade estanse formando artistas, é unha forma de sacar fóra o que se fai na facultade, xa que moitas das obras son exercicios de clase”, salienta Xulia Arias, responsable de coordinar, xunto con Iris Rodríguez Justo e Uxía Oviedo, coa colaboración de Pilar Picas, unha mostra colectiva que reúne pezas de diferentes disciplinas e temáticas. 

“Esta exposición busca dar visibilidade ao que facemos na facultade”, engadiu Iris Rodríguez na inauguración da exposición San Ero 2019 que, explicou, xa se levou a cabo en anos anteriores “e que quixemos recuperar”. Con ese propósito, a delegación impulsou unha convocatoria á que se presentaron máis de 30 obras das que se escolleron para esta exposición 18 obras e series, entre as que figuran debuxo, pintura, fotografía e escultura, e que reúne á súa vez "unha representación tanto de compañeiras de primeiro curso como obras de dúas artistas que son graduadas xa”, explica Arias. Do mesmo xeito, na exposición reúnense tamén tanto “obras persoais como traballos realizados en clase”, como é o caso da serie de obras que teñen como punto de partida un exercicio proposto polo profesor Ignacio Pérez-Jofre e no que o alumnado debía traballar a partires dun ladrillo. “A idea é que o conxunto de obras se convertesen nun muro en si mesmo”, explican da proposta á que dedican unha das paredes da sala que reúne as creacións de Judith Porto, Silvia López, Gloria Lorenzo, Estefanía Muñiz, Dulce Herrera, Marina Pizcueta, Maria Luisa Villar, Lily, Conchi Garrido, Doira Barrio, Eva Antelo, Antía Vieiro, Valeria Muñoz, Wendy Blanco, Ana Vila, Uxía Armada, Andrea León e Red Princess

“Mostrar o que se fai na facultade é tamén importante para facer pedagoxía, sabemos que hai moito talento na facultade, pero organizar unha exposición ao final é un esforzo colectivo, no que das o teu tempo para o ben común”, salientou a decana, Silvia García, na inauguración, na que o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, puxo o acento tamén na importancia de “saír fóra da facultade” e dar visibilidade ao traballo do alumnado. Con ese propósito, a exposición colectiva poderá visitarse na sede da Vicerreitoría ata a propia xornada de celebración do patrón, na que a facultade acollerá un mercadiño no que o alumnado presentará as súas obras, concertos, un concurso de debuxo ou unha mesa redonda sobre autoedición e cómic experimental.

Obras que saen das aulas

Boa parte das creacións que se reúnen nesta sala tiveron como punto de inicio un traballo académico, como é o caso da proposta de Andrea León, que no marco do exercicio no que debían traballar cun ladrillo, optou por destruír este elemento para crear con el “unha composición que fose como un estalido”. Tras ser seleccionada para a exposición, León incide no positivo de “darnos a coñecer ao resto de compañeiros e á xente da cidade”, aspecto no que tamén incide María Luisa Villar, quen destaca o interesante deste tipo de iniciativas para “darte a coñecer e empezar a facer un pouco de currículo”. No seu caso, a obra que achega a esta mostra tamén tivo como punto de partida un traballo académico, que neste caso debía partir “dunha homenaxe a un autor que nos resultase interesante”, no seu caso Giuseppe Penone e o xeito no que este “traballaba coa natureza”, explica dunha escultura para a que serviu de elementos atopados no medio natural, como un coral ou cortiza.
 

Voilà la Femme despide a súa 26 edición
 

As creacións de alumnas e ex-alumnas da Facultade de Belas Artes foron tamén protagonistas dunha nova edición de Voilà la Femme, a exposición comisariada pola investigadora da integrante do grupo de investigación ES2 da Facultade de Belas Artes Celeste Garrido e coordinada por Belén Diz que vive este martes a súa xornada de clausura no Ateneo Santa Cecilia de Marín. Reivindicar o papel das mulleres no mundo da arte a través dunha aposta “pola visibilización de novas artistas con propostas arriscadas e innovadoras” é o obxectivo central dunha exposición que chegou neste 2019 a súa 26 edición. Para ela, foron seleccionadas as creacións das alumnas da facultade Anubis Muñoz, Dulce Herrera e Alexandra Rey, así como das egresadas Ana Miguélez e María Gar.

Cinco artistas “con obras e estilos moi dispares”, salienta Garrido que permiten reflexionar en Voilà la Femme sobre problemáticas como a violencia de xénero, a través da proposta da estudante mexicana Dulce Herrera, que se forma no presente curso no campus grazas aos programas de mobilidade. Anubis Muñoz, pola súa banda, propón coa súa obra unha “reflexión acerca da importancia da interioridade, evocando o espiritual e os espazos mentais”, apunta Garrido, mentres que Rey “indaga na enfermidade e as súas fases de desenvolvemento” a través dunha obra na que aborda “as deformacións que sofre o corpo neste proceso”. Ana Miguélez, pola súa banda, presenta unha serie de debuxos con “siluetas cotiás da Galicia tradicional, que nos invitan a viaxar por rostros femininos dos que xerminan suxestivas formas, que se aparecen ante os nosos ollos como espellismos” nunha mostra que completan as montañas que a asturiana Mar García recorta e transforma “recreando o recordo das paisaxes da súa infancia”, salienta a comisaria de Voilà la Femme.