DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra 'Coidarte' inclúe obras de gran formado, fotografías e acuarelas 

Alumnado de Belas Artes e profesionais sanitarios amosan as súas creacións artísticas no centro de saúde de Lavadores

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI 23/01/2023

O centro de saúde de Lavadores acolle unha exposición artística con obras dun grupo de alumnos da Facultade de Belas Artes da UVigo e de dous profesionais do centro. A mostra Coidarte enmárcase nun proxecto do estudante de 4º curso do Grao en Belas Artes, Miguel Angel Gonda, como parte da materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, na que o alumnado debe desenvolver unha actividade cultural e artística. “A idea inicial era organizar esta mostra  solo con obras dos compañeiros da facultade pero decateime que neste centro traballaban un par de profesionais que son verdadeiros artistas, co que pareceume que xuntar esas sinerxías aportaría un valor engadido a esta exposición. Ademais, este centro en concreto é o lugar idóneo para o seu emprazamento xa conta cun espazo de estética similar ao dunha sala de exposicións contemporánea” , explica Miguel Ángel Gonda sobre a mostra, integrada por cinco cadros en gran formato das alumnas Maria Martelo, Fabiola Quintela, Paula Pumares e  Andrea Pin, así como unha serie de fotografías do médico de familia Jorge Quintana e 50 acuarelas do celador Xosé Manuel Reis. 

Un exemplo de participación 

A inauguración da exposición, que foi presidida polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, contou coa asistencia de Xoan Anleo e Ignacio Pérez-Jofre como representantes do profesorado da Facultade de Belas Artes; a xefa do servizo do centro de saúde, Carmén Durán; profesionais e usuarios do centro sanitario así como os artistas expositores. Javier Puente, agradeceu esta iniciativa e dixo que “é un claro exemplo da participación da comunidade no centro de saúde, tal e como recolle o Plan de Saúde Local de Lavadores. É unha  oportunidade para, a través da  expresión artística, abrir unha nova canle de comunicación e un achegamento entre profesionais e cidadanía”.

Puente lembrou que a Área Sanitaria de Vigo desenvolve distintos proxectos colaborativos coa facultade de Belas Artes e con artistas profesionais, “co obxecto de facer os centros sanitarios uns espazos máis humanizados e amigables xa que, sen dubida, a arte é unha ferramenta terapéutica que contribúe ao benestar da poboación”, manifestou o xerente.