DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xurdidas do obradoiro que impartirá o director Eloy Domínguez Serén

O alumnado do campus abrirá Novos Cinemas con curtas en primeira persoa

Ata o mércores 30 permanece aberta a inscrición neste taller

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/09/2020

Un ano máis, o alumnado do campus pontevedrés será un dos protagonistas da xornada inaugural do festival Novos Cinemas, na que se proxectarán as curtas resultantes do obradoiro O ceo a medio facer, no que o director Eloy Domínguez Serén guiará a dez alumnos e alumnas na creación dunhas pezas xurdidas do achegamento ao “cinema en primeira persoa”. Ata o 30 de setembro permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para participar neste obradoiro promovido pola Vicerreitoría do campus e inserido no programa formativo #Aula do festival. 

“O principal obxectivo deste curso é afondarmos nun tipo de cinema que, malia gozar dun crecente prestixio e acadar unha excelente acollida en festivais especializados, é aínda relativamente descoñecido entre o público en xeral”, salienta o codirector do festival Suso Novás. Aberto a estudantes das diferentes facultades e escolas do campus, así como a titulados e tituladas o pasado curso, o taller terá como eixo “a exploración do eu no seu sentido máis amplo”, que constitúe a base dunha “das modalidades máis produtivas do cinema contemporáneo”, engade Novás.

Encontro entre cineastas e futuros talentos

Dando continuidade aos obradoiros que, en anteriores edicións do festival, impartiron Lois Patiño, Oliver Laxe, Eloy Enciso e Jaione Camborda, Domínguez será desta volta o encargado tanto de achegar ao alumnado a esta modalidade cinematográfica como de guialos no proceso de creación das súas curtas. “Os obradoiros teñen unha función básica, que é reivindicar a figura dos cineastas galegos contemporáneos e unir ese talento co que está agromando no campus de Pontevedra”, salienta Novás. Estruturado en catro sesións, que se desenvolverán na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación entre o 2 de outubro e o 27 de novembro, o obradoiro correrá a cargo dun “dos máximos representantes dunha forma de entender o cinema” caracterizada, sinala o codirector do festival, “por probar técnicas, probar formas, falar desde o eu e cuestionar a linguaxe e os posicionamentos da ficción e da non ficción”. 

Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universitat Autónoma de Barcelona, Domínguez iniciou a súa carreira como crítico de cinema, sendo un dos fundadores da revista A Cuarta Parede. Tras trasladarse en 2011 a Estocolmo, inicia un extenso proxecto de traballo filmado do que sairán varias curtametraxes. Xa en 2014, filma en Galicia a mediometraxe Jet Lag, trala que logo chegarán a longametraxes No cow in the ice (2015) e Hamada (2018), que lle valerá o premio á mellor película española no Festival de Cine de Xixón, o galardón á mellor ópera prima no Cinéma du Réel e o premio a mellor director emerxente Porto/Post/Doc.

Crear con pouco equipo e moito risco

A través dun achegamento teórico e práctico, o obradoiro busca introducir ao alumnado nunha modalidade cinematográfica “moi interesante, porque posibilita que cuns mínimos equipos e moito risco poidas xerar un produto de moita calidade”, para así axudalos a “atopar a súa propia voz autoral e a expresala a través da súa obra”, salenta Novás. Con eses propósitos, o taller arrincará o venres 2 cunha primeira sesión centrada na análise de filmes e autores, así como de fragmentos de filmes do propio responsalbe do taller. Xa na seguinte sesión, as e os participantes presentarán e debaterán as súas ideas de curtametraxe, para xa en novembro, analizar e debater sobre os propios proxectos de cara a súa montaxe final e presentación o 15 de decembro. Deste xeito, engade Novás, aínda que as obras finais serán “de natureza radicalmente persoal”, o obradoiro manterá as “dinámicas colectivas” de anteriores edicións, co propósito de que "o debate co titor e cos compañeiros axude tamén a conformar os proxectos”. 

Aberto a un máximo de dez estudantes, as e os interesados deberán presentar a súa candidatura a través do formulario habilitado na web de Novos Cinemas, á que deberán engadir o seu currículo e o enlace a unha peza audiovisual propia “que denote sensibilidade acorde cos obxectivos do proxecto”.