DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro de Extensión Universitaria

Alumnado do campus achégase ao uso da maxia como recurso didáctico

O mago José Rivera é un dos docentes da actividade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 21/10/2020

“Un achegamento práctico ao ilusionismo (maxia) como recurso didáctico e ferramenta creativa e socializadora, todo isto mediante o estudo de efectos de ilusionismo e a súa explicación”. Deste xeito preséntase o obradoiro Introdución ao Ilusionismo e á Maxia. Metodoloxías e Ferramentas Didácticas que desde o pasado día 13 e ata o 27 de outubro se celebra no campus de Ourense. A iniciativa forma parte da programación de obradoiros de extensión universitaria do primeiro cuadrimestre, organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación Provincial.

A actividade, que é unha das novidades da programación desta edición de obradoiros, desenvólvese durante as tarde dos luns e martes no pavillón das asociacións de estudantes do campus de Ourense baixo a dirección do profesor da Facultade de Educacion e Traballo Social Millán Brea e a docencia tamén do mago e ilusionista José Rivera. Ao obradoiro asisten unha decena de persoas, fundamentalmente alumnado universitario do campus de Ourense, concretamente de Educación e Traballo Social. “Ao redor das 20 horas que ten programadas de duración, no obradoiro realizarase o estudo de efectos de ilusionismo e a súa explicación: técnicas utilizadas, elementos psicolóxicos, expresión oral, etc. Pero tamén traballarase coa micro-maxia, a carto-maxia e o mentalismo”, comenta Millán Brea.

Proposta “novidosa”

O alumnado participante, indican desde a organización, rematará con recursos específicos e didácticos para poder elaborar actividades no eido do tempo libre e lecer. "É un obradoiro de iniciación, no que se aprenden diversos trucos pero no que interesa amosar tamén a tremenda dificultade á hora de realizar estas actividades", comenta José Rivera. A maxia, destacan os responsables da iniciativa, “ten moitos elementos que fan da súa práctica unha incógnita” e o programa do obradoiro, engaden, destaca a importancia de como ensinar a realizar ilusionismo: as pautas, as claves, as estratexias, etc. Así, por exemplo, nas primeiras sesións do obradoiro cada participante aprendeu coa súa propia baralla de cartas diversos trucos pero centrándose non soamente nas mans, senón no que pode estar a pasar pola mente da e do espectador. "É certamente complexo. Estamos aprendendo e executando trucos de maxia complicadísimos e divertidísimos", recoñece Laura, unha das asistentes a esta formación.

Trátase polo tanto, indican desde a organización do obradoiro, “dunha proposta novidosa que presume de ferramentas e argumentos para empregarse dentro de actividades relacionadas co lecer e tempo libre”. Deste xeito, parte do alumnado asistente a el ten realizado con anterioridade o curso de monitoras e monitores de tempo libre que organiza a Escola de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou) e consideran que este obradoiro é “un gran complemento” a esa formación, tal e como comenta Ían, outro dos inscritos na actividade.