DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso que se celebra no Concello de Muíños

Alumnado do campus afonda no Xurés nos retos e perspectivas da biodiversidade ambiental

Participan 25 estudantes dos diferentes graos da Facultade de Ciencias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Ourense 14/06/2024

Desde este mércores o Concello de Muíños (Ourense) acolle o curso Biodiversidade ambiental, retos e perspectivas. A iniciativa forma parte dos cursos de extensión universitaria do campus de Ourense, os chamados cursos de verán, promovidos pola Vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial. Nel, participan 25 estudantes dos diferentes graos da Facultade de Ciencias (Enxeñaría Agraria, Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos).

A actividade, de 30 horas de duración, está dirixida desde a Facultade de Ciencias polas investigadoras e profesoras María Fernández e M. Carmen Seijo.  “A biodiversidade ambiental é fundamental para manter o equilibrio dos ecosistemas e garantir a saúde do planeta. Con todo, actualmente enfrontamos diversos retos que poñen en perigo esta diversidade, como a deforestación, a contaminación e o cambio climático”, explican desde a organización. Neste contexto, no curso céntrase en “avaliar dende unha perspectiva científica a grande importancia que teñen elementos como a conservación da biodiversidade ou a dispoñibilidade de recursos hídricos para preservar a biodiversidade e asegurar un desenvolvemento sostible para a sociedade do século XXI”.

A programación, que remata este venres pola tarde, incluíu sesións sobre temas moi diversos, desde as reservas da biosfera como ferramentas de protección da natureza e o marco da xestión do recurso hídrico en España ata aspectos concretos da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, como a súa vexetación e historia. Non faltaron as visitas guiadas por especialistas para coñecer in situ a riqueza botánica, faunística e xeomorfológica desta reserva. O fin último da iniciativa é promover aptitudes no alumnado, fomentando "un espírito crítico para unha educación e xestión ambiental e a súa influencia na natureza, destacando a gran protección que deben de ter os espazos naturais protexidos".