DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia celebrada na Facultade de Dereito

Alumnado do campus coñece as oportunidades laborais que ofrece a administración financeira e tributaria

Puideron ver os distintos tipos de oposicións existentes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 12/03/2019

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este martes a conferencia A administración financeira e tributaria: oportunidades laborais. A cita contou coa participación de Javier García, delegado de Economía e Facenda en Ourense, e Carmen Pintos, delegada da Axencia Tributaria.

Durante a benvida ao campus, Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, salientou o compromiso do seu centro con fomentar a empregabilidade do seu alumnado e achegarlle ao longo da súa formación diferentes opcións profesionais que teñen ao remate dos seus estudos. Javier García, delegado de Economía e Facenda en Ourense, foi o primeiro en intervir presentando ao alumnado asistente os corpos da área non tributaria dos ministerios de Economía e Facenda, principalmente interventores e auditores do estado, técnicos de auditoría e corpos de xestión catastral. Ao longo da súa intervención explicou o desenvolvemento destas carreiras e as funcións deste funcionariado. “Son varias as oposicións, cada unha co seu perfil. É unha boa opción de futuro para o alumnado pero como tantas outras. Trátase de que cando menos coñezan as posibilidades que teñen, as ratios, a oferta curricular que lles queda posteriormente, etc”, comentou Javier García. Sobre a dificultade de superar unha oposición a estes corpos apuntou como, aínda que “todo é relativo”, “non son especialmente difíciles”.

Pola súa banda, Carmen Pintos, delegada da Axencia Tributaria en Ourense, falou desta entidade, “da súa organización e funcións e de como os novos graduados se poden incorporar a traballar con nós”. Lembrando como o acceso é sempre por un sistema de oposición, explicou como hai diferentes corpos e cada un ten un sistema de oposición diferente. “Hai algúns que teñen só dous exames para entrar, como axentes de facenda, outros tres e outros cinco, en función do nivel de funcionario”, indicou. Entre as vantaxes de opositar a estes corpos Carmen Pintos subliñou como “hai moitas prazas, a ratio está bastante ben”. Durante a súa intervención comentou ao alumnado presente como “aínda que a Axencia Tributaria é coñecida pola inspección temos moitas áreas de traballo diferentes, unhas máis xurídicas, outras máis de investigación, outras máis de contabilidade, hai moitas posibilidades, o traballo é moi variado”.