DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun posto informativo situado na entrada do edificio Xurídico-Empresarial

Alumnado do campus coñece as oportunidades que lles ofrecen os programas Erasmus

Co gallo da celebración europea do seu día

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Ourense 11/10/2022

A Vicerreitoría de Internacionalización e a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) súmanse esta semana á celebración europea dos #ErasmusDays 2022 coa organización de puntos de información móbil nos tres campus da Universidade de Vigo. O campus de Ourense foi o primeiro en acoller esta iniciativa e o seu alumnado puido informarse no posto ubicado na entrada do edificio Xurídico-Empresarial das oportunidades que lles ofrecen os diferentes programas Erasmus.

A iniciativa xurde co obxectivo de motivar ao alumnado da UVigo a solicitar mobilidades internacionais e tamén para dar resposta ás súas posibles dúbidas sobre próximas convocatorias. Ruth Domínguez, técnica da Oficina de Relacións Internacionais da UVigo, foi a encargada atender o punto informativo situado no campus de Ourense. Con motivo da celebración dos 35 anos do programa Erasmus+ que se organiza os días 13, 14 e 15 deste mes en Europa, Ruth Domínguez sinala que “quixemos estar en contacto co alumnado e darlles unha primeira información sobre os programas de mobilidade”. Concretamente, sinalou, centráronse en informar sobre as convocatorias dos programas Erasmus+ K131 e K171 e a convocatoria xeral que, apuntou, está previsto que saia en novembro.

Unha experiencia internacional

O alumnado que se achegou ao posto informativo puido coñecer estas convocatorias e os pasos a seguir para a súa solicitude, ademais de algúns dos requisitos precisos, facendo fincapé nas esixencias de idiomas. “Os estudantes preguntan sobre todo por a onde se poden ir, como se fai a solicitude, que necesitan a nivel de linguas”, comentou Ruth Domínguez. A motivación fundamental que lles fai querer participar nun destes programas de mobilidade é, indicou, “estudar nun ambiente internacional, o feito de vivir noutro país e a experiencia que lles reporta todo iso”. Os beneficios, engade, non só de enriquecemento persoal e académico, senón tamén laboral, pois, lembrou, “agora que estamos nun ambiente laboral e profesional máis global”.

Os primeiros estudantes en acudir a este posto informativo foron Pablo Baamonde, Cosme Muíño e Brais Pazos, que cursan segundo do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. “Viñemos porque queremos saber un pouco máis sobre o programa Erasmus para ter unha idea mellor e poder decidir se queremos ir ou non e que ferramentas necesitamos para facelo”, explicou Pablo Baamonde. A idea, engadiu Cosme Muíño, sería ir o vindeiro curso académico estudar ao estranxeiro con algún destes programas, non tendo preferencia de país de destino. “O que máis nos apetece é coñecer outras culturas, coñecer xente nova e empaparnos dunha cultura diferente”, engadiu Brais Pazos.

Máis #ErasmusDays na UVigo

 O posto informativo do #ErasmusDays 2022 estará o xoves 13 de outubro, a partir das 10.00 h, no campus de Pontevedra, na entrada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e o venres 14 no campus de Vigo, de 10.00 a 11.00 h na entrada da Facultade de Filoloxía e Tradución e de 12.00 a 13.00 horas na entrada do edificio de Ciencias Experimentais.