DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas de innovación que se celebran ao longo deste mes

Alumnado do campus fórmase para transformar as súas ideas en emprendementos

No marco da programación do Campus Auga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 10/11/2025

O campus de Ourense acolle este mes de novembro a celebración dunha Formación para a innovación: o emprendemento do alumnado universitario. A actividade está coordinada por Javier Rodeiro e María Montserrat Cruz, profesorado da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e busca dar ás ao espírito emprendedor do estudantado. A iniciativa conta co apoio e financiamento do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. 

As xornadas, de balde, están recoñecidas cun crédito ECTS, ademais de diploma acreditativo, e celébranse en horario de tarde no edificio Campus Auga os días 5, 12, 19 e 25 de novembro. Están inscritos 17 alumnas e alumnos, a maior parte da Escola Superior de Enxeñaría Informática pero tamén do Grao de Turismo (Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo) e do Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (Facultade de Ciencias). “O noso obxectivo é formar ao alumnado nun tema pendente como é o emprendemento empresarial”, explican desde a organización da actividade. 

A primeira sesión, ofrecida por Javier Rodeiro, tivo lugar o día 5 e centrouse na idea e no modelo de negocio. Seguiralle o día 12 unha sesión sobre a perspectiva xurídica das distintas formas de emprendemento, a cargo de Juan Manuel de los Ríos. Xa o día 19 de novembro Francisco Javier Sánchez Sellero abordará co alumnado asistente a viabilidade económico-financeira dos negocios e o día 25 Vanessa Mª Suárez e María Montserrat Cruz falaranlles da promoción e comercialización do proxecto empresarial. A formación ten un carácter enfocado á súa aplicación real, buscando darlle ao estudantado coñecementos que lle axuden a transformar en realidade as súas ideas de emprendementos. 

Venture Lab Campus Auga 

O evento enmárcase no Venture Lab Campus Auga, iniciativa que arrancou o ano pasado levando a cabo unha primeira edición destas xornadas de Formación para a innovación. O emprendemento do alumnado universitario. Seguiulle a publicación do libro Plan de Formación de Innovación 2024, que ofrece un enfoque integral sobre o emprendemento empresarial, adaptado de xeito espacial ás necesidades do alumnado universitario interesado neste tema. Este manual é un dos materiais empregados polas e polos asistentes ás xornadas que se están a celebrar este mes no campus. 

Este curso académico a programación deste Venture Lab arrancou coa celebración en setembro da xornada Emprendendo no campus, na que os membros da comunidade universitaria e persoas interesadas tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os proxectos de estudantado que xa deron o paso de emprender e que, en diversos concursos e convocatorias deste eido, lograron destacar. Complementando a programación da formación que agora se imparte no Campus Auga e como peche das actividades do Venture Lab Campus Auga deste ano, está prevista a celebración en decembro dunha xornada na que se contará con emprendedoras e emprendedores externos inspirarán ao alumnado universitario coas súas experiencias e proxectos.