Ao longo de varios meses realizaron neles sesións didácticas e interdisciplinares
Alumnado do campus levou a música a 21 centros educativos e escolas infantís de Galicia
Dando continuidade a anteriores proxectos de aprendizaxe servizo desenvolvidos en Educación
Despois de varios meses de traballo e cunha valoración moi positiva, acaba de rematar o desenvolvemento dun proxecto que permitiu a alumnado do Grao de Educación Infantil do campus de Ourense achegar este curso académico a música a 21 centros educativos e escolas infantís da xeografía galega.
A iniciativa xurdiu no marco da materia Expresión Musical e a súa Didáctica, impartida e coordinada pola profesora Lucía Casal na Facultade de Educación e Traballo Social, e estivo coordinada desde a Área de Didáctica da Expresión Musical. Con ela deuse continuidade a proxectos anteriores desenvolvidos na mesma liña e coordinados pola mesma docente, como o proxecto de aprendizaxe-servizo MúsiCA(c)TIVA, celebrado o pasado curso académico. Nesta ocasión, o futuro profesorado de Educación Infantil centrouse na realización de secuencias didácticas interdisciplinares e sesións de música en centros educativos nos que se imparte o segundo ciclo de Educación Infantil (de tres-seis anos) así como en escolas infantís (para bebés de 0 a 3 anos de idade).
De tres a seis anos
Respecto á actividade desenvolvida no segundo ciclo de Educación Infantil, e tendo en conta os temas de interese nos que se traballaba nos centros, o alumnado universitario afrontou o reto de deseñar sesións sobre esas temáticas para reforzar, a través da música, os contidos que se ían traballar na aula. “Tratouse, polo tanto, de usar a música como fío condutor de sesións con centros de interese tan diversos como os xogos olímpicos (CEIP As Mercedes), a alimentación saudable (Colexio Plurilingüe San José-Josefinas), o espazo Valentina Tereshkova (CEIP Curros Enríquez), as emocións (CEIP Manuel Sueiro) ou a arte e Piet Mondrian-Yayoi Kusama (CEIP Mestre Vide), por citar algúns exemplos”, explica Lucía Casal.
Repartidos os temas de interese a cada equipo de traballo universitario, as alumnas e alumnos deseñaron as secuencias didácticas, elaboraron os recursos necesarios para o seu desenvolvemento, puxéronnos en práctica na Aula de Música do Edificio de Ferro do campus co acompañamento da profesora, introduciron melloras e finalmente realizaron dúas veces estas secuencias nas propias escolas coa rapazada. Todas as propostas debían levar un breve quecemento (composto por exercicios de relaxación, respiración e fonación), o canto dalgunha canción popular galega e a posta en práctica dunha danza, todo en conexión coa temática central que cada centro indicou previamente. “Desta maneira, o futuro profesorado de Infantil tivo a oportunidade de levar as súas propostas do papel e da universidade á práctica e ás aulas reais, mentres que os centros recibiron reforzo de contidos que están a tratar dunha maneira diferente”, sinala Lucía Casal.
E de cero a tres anos
Polo que respecta á actividade para nenas e nenos das escolas infantís, e para dar continuidade ao proxecto de Aprendizaxe-Servizo MúsiCA(c)TIVA, o alumnado universitario deseñou, practicou e desenvolveu sesións de música para bebés de cero a tres anos con base na Teoría da Aprendizaxe Musical de Edwin Gordon. Estas sesións incluíron canción de benvida, ritmos, melodías, movemento, acompañamentos, recitados e canción de despedida, entre outros, combinando o uso de música de diferentes períodos, como o Clasicismo ou o Barroco, así como música máis actual e de autoría galega.
O alumnado desenvolveu o proxecto e as sesións durante todo o primeiro cuadrimestre, rematando agora en xaneiro a actividade co seu balance. Nesta valoración destacan que “estas oportunidades de contacto directo e práctica en centros antes do cuarto curso da carreira (no que o alumnado deste grao vai facer prácticas durante seis meses aos centros) son motivadoras, alentadoras e permiten aprender de profesorado en exercicio, que moitas veces proporciona consellos in situ para o bo desenvolvemento das sesións”, subliña Lucía Casal. Ademais, engade a profesora, alén de percibir estas actividades como “oportunidades de enriquecemento para o persoal traballador das escolas, son moi ben recibidas polos centros, felicitando ao alumnado universitario”.
Os centros de segundo ciclo de Educación Infantil que participaron nestas sesións foron os CEIP Curros Enríquez, Mestre Vide e Manuel Sueiro (cos que xa se tiña colaborado en cursos anteriores), aos que este ano se lle sumaron As Mercedes, San Pío X, San José-Josefinas, Guillelme Brown e outros centros de fóra de Ourense como o CPI Plurilingüe de Rodeiro, a EEI O Grupo de Marín e o CEIP Caldelas de Tui. As escolas infantís que participaron foron as A Galiña Azul de Toén, Pereiro de Aguiar e Coles (coas que xa se viña desenvolvendo unha colaboración a través do proxecto MúsiCA(c)TIVA dende o ano 2023), ás que se lle sumaron as escolas infantís Concepción Saiz Otero, Galiña Azul da Rúa Colón, A Casiña, Lazos, Mary Poppins, Bule-Bule e as viguesas Bembrive e Los Olivos.
