DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do proxecto Lapassion, catro estudantes inician unha estadía de dez semanas nestes países

Alumnado do campus traballa en Uruguai e Brasil en proxectos que buscan melloras para a comunidade 

As condicións de vida da infancia e o índice de desenvolvemento humano, eixos das iniciativas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 18/03/2019

Divididos en diferentes equipos, estudantes de diferentes titulacións e países traballarán conxuntamente durante dez semanas no desenvolvemento de proxectos interdisciplinares dirixidos a promover melloras para a comunidade. Este é o obxectivo central das estadías que neste mes de marzo se poñen en marcha en Brasil e Uruguai ao abeiro do proxecto europeo Lapassion (Latin America Practices and Soft Skills for an Innovation Oriented Network), unha iniciativa financiada polo programa comunitario Erasmus+ na que participan 15 institucións europeas e latinoamericanas, entre as que figura, a través do Campus Crea, a Universidade de Vigo. Tres alumnas e un alumno do campus inician nestas semanas unhas estadías que teñen como sedes Montevideo e as cidades brasileiras de Sao Luis e Uberaba. Na capital de Uruguai atópanse desde a pasada semana as alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Rocío Solla e Alejandra Castro, que xunto a alumnado de outros catro países traballará ata mediados de maio nunha serie de accións que teñan como obxectivo a mellora das condicións de vida da infancia. E desde este luns 18 de marzo, a alumna de Ciencias da Educación e do Deporte Patricia Gómez e o estudante de CCSS e da Comunicación Javier González forman parte do grupo de estudantes que, en Sao Luis, traballará na definición de accións que contribúan á mellora do Índice de Desenvolvemento Humano no estado brasileiro de Maranhao.

15 institucións académicas de España, Portugal, Finlandia, Brasil, Chile e Uruguai forman parte deste proxecto coordinado polo Instituto Politécnico do Porto e que busca, a través desta serie de estadías en América Latina, contribuír a que o alumnado adquira unha serie de “competencias transversais”, como sinala o director do Campus Crea, Carlos Souto, coordinador desta iniciativa na Universidade de Vigo, institución así mesmo responsable do plan de calidade de Lapassion. Trátase do segundo ano no que se levan a cabo estas estadías dirixidas a promover o traballo conxunto de grupos de preto de 30 estudantes, desta volta con representación en dúas das tres sedes (Montevideo e Sao Luis) de alumnado do campus, seleccionado na convocatoria impulsada en decembro e que tivo, como recoñece Souto, “unha resposta espectacular, xa que houbo moitas peticións de xente con moitas inquedanzas, con motivación e cun moi bo currículo”. 

Alumnado de cinco países pon o foco na infancia

Desde a pasada semana, toma parte nesta experiencia, que nos primeiros días céntrase en actividades de construción de equipos e interacción grupal, a estudante do máster en Comunicación en Medio Sociais e Creación de Contidos Dixitais Alejandra Castro, quen comparte estadía en Montevideo con estudantes do Instituto Politécnico do Porto, Universidad Ponficia y Católica de Chile, a tamén chilena Fundación Instituto Profesional Duoc, o Instituto Federal Riograndense brasileiro e as uruguaias Universidad de la República (Udelar) e Universidad Tecnológica (Utec). “O feito de que se formulase un proxecto multidisciplinar nun escenario descoñecido para min e en colaboración con xente doutros países pareceume unha oportunidade de enriquecemento profesional e persoal”, salienta da súa participación nunha iniciativa que coordinan as docentes Rosita de Lisi e Ana Corbacho, de Udelar, e Álvaro Pena, da Utec. Así mesmo, Castro pon de relevo tanto o positivo que supón para a súa formación unha experiencia de traballo con “equipos de xente moi heteroxéneos, con códigos culturais moi diversos e formación radicalmente diferente”, como o “enriquecemento persoal” que implica a “compoñente humana do proxecto”.

“Quen non querería participar en causas que axuden a mellorar a calidade de vida dunha comunidade?”, engade nesa mesma liña Rocío Solla, estudante do máster de Dirección de Arte en Publicidade, quen recoñece levar anos querendo coñecer Uruguai, así como o “estimulante e enriquecedor” dunha proposta que as convida a “traballar en equipos multidisciplinares nun proxecto cun fin social”. Nese senso, Solla recoñece o seu interese porque esta iniciativa, máis aló de “poñer en práctica os coñecementos adquiridos no máster”, lle permita tamén “aprender doutros métodos de traballo propios das demais disciplinas que conformarán os equipos”, así como a “inmersión cultural” que suporán estas dez semanas de traballo. 

O índice de desenvolvemento humano, eixo das propostas en Sao Luis

O campus de Monte Castelo, do Instituto Federal do Maranhao (Ifma), a Fábrica de Inovaçao e o Casarao Tech Renato Archer son, dende esta semana, os potenciais espazos de traballo dos e as participantes na estadía de Lapassion nen Sao Luis. A profesora do Ifma Natilene Brito é a encargada de coordinar unha estadía que ten como eixo a mellora do índice de desenvolvemento humano (IDH), un indicador elaborado polo programa para o desenvolvemento de Nacións Unidas, que avalía a esperanza de vida, a media de anos de escolarización da poboación e os ingresos nacionais brutos per capita.

“Vou con moita ilusión, pareceume interesante o proxecto e a idea de que estudantes de diferentes ramas traballen conxuntamente polo mesmo obxectivo”, salienta Patricia Gómez, alumna do grao en Educación Primaria, quen incide na relación directa da educación e de factores como “a taxa de abandono e fracaso escolar” no IDH, á vez que sinala que se trata dunha iniciativa que achegará “un tipo de aprendizaxe que non vas lograr nas aulas”, a través do traballo conxunto con “xente de diferentes culturas e de diferentes sistemas educativos”, que serán así mesmo as e os responsables de definir conxuntamente os obxectivos e desenvolver as diferentes accións. 

“Atráeme a idea de poder contribuír o incremento da calidade de vida desta rexión”, engade Javier González, alumno do máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, quen tamén sinala á posibilidade de colaborar con estudantes de diferentes países e titulacións “para procurar solucións a problemas que repercuten diariamente no seo dunha comunidade específica”, como o factor que o levou a participar en Lapassion. Do mesmo xeito, recoñece o seu interese polo eixo temático desta estadía, da que “os desafíos concretos non están de momento definidos”, á vez que incide en que ese traballo conxunto suporá “unha gran maneira de adquirir e mellorar competencias”, motivo polo que agarda que estas dez semanas constitúan “unha experiencia enriquecedora tanto a nivel persoal coma profesional”.