O vehículo UM22 está exposto ata o venres na entrada do Edificio Politécnico
Alumnado do campus visibiliza o seu traballo no monopraza de UVigo Motorsport
Desde Ourense participan estudantes das escolas de Enxeñaría Informática e Aeronáutica e do Espazo
Cada curso académico, a escudaría universitaria UVigo Motorsport aúna a un cada vez maior número de estudantes dos campus de Ourense e Vigo para levar a cabo o deseño e fabricación dun vehículo co que compiten logo en diferentes citas universitarias internacionais. Co obxectivo de achegar á comunidade universitaria ourensá os resultados dese traballo, desde este martes e ata este venres pode verse na entrada do edificio Politécnico do campus de Ourense o seu último monopraza, o UM22, e coñecer esta experiencia de man do alumnado do campus de Ourense que participa nela.
Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, e Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, asistiron este martes ao arranque desta actividade. “É un proxecto fantástico, digno de recoñecemento, porque non só reflexa a formación académica senón a súa aplicación práctica”, subliñou Elena Rivo. A vicerreitora puxo igualmente en valor desta iniciativa o seu “carácter interdisciplinar, pois vincula a alumnado de diferentes titulacións e centros” e tamén o feito de ser froito de “sinerxías entre dous campus”. Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez recalcou que este proxecto supón “unha forma de que o alumnado traballe con cousas reais, polo que todo o noso apoio a este tipo de iniciativas que complementan a formación dos nosos estudantes”. O responsable académico recalcou ademais como os membros deste proxecto están empregando o novo Laboratorio de Experimentación e Prototipado de Ourense, situado nesta escola e nado marco do proxecto de cooperación transfronteiriza NOVA TFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras) e da colaboración entre a Deputación de Ourense e a UVigo.
Capacidades e experiencia
O equipo de UVigo Motorsport, apuntaron os seus membros, ascende este curso académico a arredor de 80 persoas procedentes de máis dunha ducia de graos dos campus de Vigo e Ourense. Deste último, participa arredor dunha trintena de persoas dos graos de Enxeñaría Informática, Intelixencia Artificial e Enxeñaría Aeroespacial, que son os encargados de ao longo desta semana explicar ás persoas interesadas as características do proxecto e do monopraza exposto no edificio Politécnico. Do UM22, Óscar Hermida, alumno de Enxeñaría Aeroespacial, explica que se trata dun monopraza orientado para competir con outras universidades con vehículos similares, destacando entre as súas capacidades o seu motor de gasolina, o seu chasis tubular e o seu sistema de aceleración e de admisión do motor mediante cable. O monopraza, subliña, competiu este ano na Formula Student East, en Hungría, e na Formula Student Spain, que se disputou no Circuit Parc Motor Castellollí, en Catalunya, e salientou entre os resultados acadados nesta segunda competición un quinto posto na proba de resistencia e un terceiro en deseño e desenvolvemento dun proxecto de negocio completo. Ademais do propio vehículo, as persoas que se acheguen ao posto de UVigo Motorsport tamén poden coñecer os traballos que está desenvolvendo o equipo no eido de sistemas autónomos, de visión por ordenador e as actuacións que require a súa traslación ao propio vehículo para que se poida conducir con piloto pero tamén por ordenador.
Sobre a experiencia de participar neste proxecto, Rubén Fernández, alumno de Enxeñaría Informática, destaca que “é incrible, aprendemos moitísimo xa que pomos en práctica o que aprendemos nas aulas, traballando de forma real e aprendendo tamén a traballar en equipo nun proxecto deste tipo”. Igualmente subliña a colaboración dada polos centros implicados na iniciativa e polo profesorado, ademais das entidades colaboradoras. A experiencia, engade Óscar Hermida, “é o máis próximo á vida real que se ten durante a carreira e todo o que pasa polo equipo queda moi satisfeito”.