DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As que teñan lugar en instalacións universitarias serán sen familiares

O alumnado do campus volverá celebrar as súas graduacións de xeito presencial

O desenvolvemento dos actos axilizarase atendendo ás medidas de prevención da covid-19

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 07/06/2021

O curso académico 2020/2021 está a piques de rematar e as novas promocións de egresadas e egresados do campus de Ourense están ás portas de pechar o seu paso pola universidade. Foi a súa unha etapa universitaria atípica, pois a pandemia marcou enormemente o desenvolvemento de dous dos catro cursos académicos que forman cada titulación. Igualmente atípicas serán as súas graduacións, que aínda que volven a ser presenciais estarán marcadas polas medidas de prevención da covid-19.

Con limitacións

Se o impacto do coronavirus provocou que o pasado curso académico non se levasen a cabo os actos de graduación, ou se fixese virtualmente, a mellora da situación sanitaria permite agora ao alumnado retomalos de xeito presencial. Aínda que con limitacións de aforo e desenvolvemento, as e os estudantes de sete centros do campus festexarán en xuño ou xullo o remate dos seus estudos e un deles en setembro. Os actos, organizados polo alumnado co apoio dos seus respectivos centros, seguirán a normativa e protocolos establecidos de prevención da covid-19.

O número de asistentes estará limitado en función do aforo das salas e dos límites establecidos, polo que os eventos que teñan lugar nas instalacións do campus de Ourense non contarán coa presencia de familiares, estando a asistencia restrinxida ás e aos homenaxeados e a un número reducido de membros da comunidade universitaria. Pola contra, as dúas graduacións que terán lugar no Auditorio Municipal de Ourense si estarán abertos ás familias. Para contrarrestar algo esta situación, varios dos actos serán emitidos por diferentes canles de Internet para que poidan ser seguidos polas persoas interesadas. O desenvolvemento dos eventos tamén se adaptará á nova situación, acurtando a súa duración, evitando situacións de aglomeración, respectando as distancias e o uso de máscaras e evitando en xeral situacións de potencial risco para as e os asistentes.

Actos no campus

O alumnado da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense será o que abra a xeira de graduacións. A súa oitava promoción, formada por 46 estudantes, celebrará o martes 8 de xuño o seu acto de fin de estudos no salón Marie Curie do Edificio Politécnico do campus. A madriña elixida é a profesora do centro Mª José Menor.

Como centro con maior número de alumnado e titulacións no campus de Ourense, a Facultade de Educación e Traballo Social será a que máis graduacións acolla (catro) e a que gradúe a máis estudantes (un total de 248). Todos os actos terán lugar na propia facultade, na sala Emilia Pardo Bazán, e cada titulación festexará por separado a graduación da súa IX promoción (2017/2021). O venres 11 de xuño, en diferente horario, terán lugar os actos das novas promocións de Educación Social (formada por 64 persoas e apadriñada por Rosana Martínez e Millán Brea), e Educación Infantil (composta por 62 estudantes que estarán apadriñados por Isabel Mociño e Francisco Javier García). O seguinte venres, o 18 de xuño, seguiranlle Traballo Social (formada por 57 estudantes e amadriñados por Ana Belén Méndez) e Educación Primaria (con 65 egresados e egresadas e apadriñados por Xosé Constenla). Os eventos serán retransmitidos en directo pola páxina en Facebook da facultade. Como particularidade, nas semanas previas ao evento, o alumnado que asistirá deberá facer unha proba PCR salivar que poderá recoller e entregar no propio centro.

Tamén o 11 de xuño será a graduación do alumnado da Facultade Ciencias, aínda que neste caso no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico. O acto estará presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; amadriñado por Sidonia Martínez, Ricardo Javier Bendaña e María Fernández e retransmitido por UVigo TV. Neste caso, festexerán o remate dos seus estudos as novas promocións de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (formada por 24 estudantes), de Enxeñaría Agraria (15 persoas) e de Ciencias Ambientais (37 persoas), sumando un total de 76 novos egresados e egresadas. Xa o venres 18 de xuño no mesmo salón de actos Marie Curie, terá lugar a graduación da IX promoción do Grao en Dereito e da III promoción do Programa Conxunto Grao en Administración e Dirección de Empresas-Grao en Dereito. No acto haberá un recoñecemento ao profesorado xubilado da facultade, coa intervención de Luis Rodríguez Ennes, decano honorífico do centro. O acto retransmitirase en directo pola UVigo.

Actos no Auditorio Municipal

As promocións que optaron por contar con familiares nas súas graduacións celebrarán os seus actos no Auditorio Municipal de Ourense. Así, a VIII promoción do Grao en Xeografía e Historia da Facultade de Historia, formada por 24 estudantes, terá o seu acto de fin de estudos, apadriñados por Susana Reboreda e Victoriano Nodar, o sábado 12 de xuño. Xa en setembro, o día 3, a VII promoción (2016/2020) deste grao, que non puido celebrar o remate dos seus estudos debido á pandemia, volverá ao campus para celebrar a súa graduación. Igualmente, o día 17 de xullo, o Auditorio Municipal acollerá o acto do alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Será a primeira graduación presencial que celebrará este centro, xa que o pasado curso académico a pandemia impediu organizar o da que foi a súa primeira promoción. 38 egresados e egresados da súa promoción 2017/2021 recollerán os seus diplomas e bandas.

Pendentes e aprazados

Aínda pendente de data definitiva, a mediados do mes de xullo está previsto que teña lugar o acto de graduación do alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Neste caso festexarán o remate dos seus estudos a IX promoción do Grao en Enxeñaría Informática (2017/2021), formada por 60 persoas; a III promoción do Programa Conxunto Administración e Dirección de Empresas-Enxeñaría Informática (2015/2021), composta por dúas persoas, e a VIII Promoción do Máster en Enxeñaría Informática (2019/2021), formada por dúas persoas.

Xa en setembro, aínda pendente de confirmar datas e características, está previsto que teña lugar o acto do alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que, de acordo co centro, decidiron postergar esta celebración ata o inicio do vindeiro curso académico.