DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha actividade inserida na Cátedra Almirante-Álvarez Ossorio

Alumnado de CC da Educación e do Deporte achégase ás claves do liderado na Escola Naval Militar

Participaron xunto a estudantes do centro en diferentes exercicios

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/11/2018

No marco das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a Universidade de Vigo desenvolve conxuntamente coa Escola Naval Militar, un grupo de 35 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte puido afondar, neste centro de Marín, nunha serie de claves vinculadas á idea do liderado, nunha iniciativa que combinou dúas conferencias coa realización dunha serie de exercicios prácticos que os e as estudantes realizaron, divididos en diferentes equipos, xunto con alumnos e alumnas da Escola Naval. 

Esta xornada sobre o liderado, que este martes se desenvolveu por primeira vez no marco das actividades da Cátedra Álvarez-Ossorio, abriuse cos relatorios do capitán de corbeta José Ignacio Valles, quen achegou aos e ás estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte, acompañados nesta actividade polo profesor Joaquín Dosil, ao “concepto de liderado na Armada e as calidades e actitudes que a Armada espera dos seus líderes”.

Toma de decisións e traballo en equipo

A iniciativa completouse co desenvolvemento de tres exercicios prácticos, nos que, divididos en dous equipos, o alumnado de Ciencias de Educación e do Deporte competiu contra da Escola Naval, que integraba os outros catro equipos participantes; exercicios nos que os e as participantes “enfrontáronse a diferentes situacións que puxeron a proba as súas habilidades de liderado, toma de decisións e traballo en equipo”. Así, a primeira destas actividades, desenvolvida no pavillón da escola, tivo como obxectivo “decidir na incerteza”, posto que os líderes de cada equipo tiñan que escoller unha serie de obxectos sen saber exactamente cal sería a súa función nunha actividade que consistiu en anotar o maior número de canastras posibles e intentar evitar á vez aas do equipo contrario. A segunda competición levou aos participantes ao campo de fútbol, onde os responsables dos equipos debían definir unha “aliñación de postos estáticos”, co propósito de determinar que integrante sería máis valioso en cada posición nun partido no que “os xogadores non podían facer nada por iniciativa propia”, senón que debían seguir as instrucións do responsable do equipo, dependendo así da súa “capacidade para transmitir ordes precisas e correctas”, como explica Valles. A terceira actividade consistiu nunha carreira na que se definían unha serie de limitacións para cada integrante do equipo e que tiña como meta un pau ao que debían chegar sen pisar a herba que o rodeaba, valéndose de diferentes obxectos.