DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resultado dun proxecto levado a cabo por preto de 80 estudantes do Grao en Educación Primaria

O alumnado da CEIP A Xunqueira I coñece as propostas do estudantado universitario para transformar o seu patio

A través de maquetas que plasman accións xurdidas dunha análise das necesidades do centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/05/2023

O pasado mes de marzo, preto de 80 alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte percorrían o patio do CEIP A Xunqueira I acompañados dos nenos e nenas do colexio, co propósito de coñecer de primeira man as demandas e necesidades da comunidade educativa respecto do seu patio. Facíano nunha das primeiras actividades dun proxecto inserido na materia Didáctica das artes plásticas e visuais, do Grao en Educación Primaria, no que debían deseñar unha serie de proxectos de humanización para este espazo. Os resultados dos traballos desenvolvidos no marco dunha iniciativa coordinada pola profesora Cristina Varela plasmáronse nunha serie de maquetas que este xoves puido coñecer o alumnado do colexio e nas que o estudantado da facultade propón diferentes solucións a unha serie de cuestións trasladas polos nenos e nenas, como a necesidade de máis espazos cubertos ou unha “zonificación” que favoreza o desenvolvemento de múltiples actividades no patio.

“As maquetas son o resultado plástico dun traballo de investigación, de detección de necesidades, estudo de normativas, materiais e referentes plásticos....”, explica Varela dunha actividade na que o alumnado debía desenvolver un “prototipo de intervención” baseado en estratexias artístico-visuais. Estes plasmáronse en 17 maquetas, que presentaron aos escolares de 2º e 5º de primaria cos que previamente traballaran nesa detección de necesidades.

Diferentes respostas a problemáticas comúns

“En xeral, o maior problema que case todos os grupos detectaron nesa observación é que o patio está copado polo fútbol, xa que non está zonificado”, explica esta docente da Área de Didáctica das Artes Plásticas. De feito, esta situación provocou que no presente curso o CEIP optase por substituír cada venres a práctica deste deporte por outra serie de actividades. Varias das propostas presentan diferentes opcións para que o patio poida contar con “zonas activas, semiactivas e de descanso”, contribuíndo deste xeito a que “cambien un pouco as dinámicas” de xogo. “Moitos traballaron sobre como organizar esas zonas de descanso e sobre como dividir as zonas de actividade sen que haxa unha segmentación”, engade a docente. Ao mesmo tempo, outra das problemáticas abordadas foi a de atopar “solucións para os días de chuvia”, dado que o patio cuberto “é moi pequeno”, o que motivou que varios dos prototipos propoñan novas “zonas semicubertas”. Así mesmo, outra das cuestións presentes en varios dos proxectos é a de dotar o patio de fontes de auga e de zonas de sombra.

Partindo desa análise xeral, nas maquetas presentadas nesta xornada poden atoparse desde proxectos “moi baseados na realidade, que abordan un problema real de maneira moi práctica”, a outros “moi interesantes por como traballan os materiais”, recoñece Varela. Así, entre os 17 traballos figuran propostas como o “deseño de fontes coas formas da vexetación da zona”, ata unha intervención inspirada na arte povera, que se basea no uso de materiais non industriais, e na que propoñen “unhas construcións a modo de iglús, baseados na obra do escultor Mario Mertz”. Outros grupos, engade Varela, avogaron pola división do espazo a través de “muros vexetais, que permiten tamén zonas de sombra” ou con estruturas que servirían tamén para a almacenaxe dos equipamentos deportivos, á vez que tamén hai propostas centradas na reorganización dos patios interiores.

Formación e información

Á vez que enfrontalos ao traballo por proxectos nun contexto real, esta actividade buscaba tamén promover unha reflexión entre o alumnado sobre o potencial dos patios como espazo pedagóxico. Con ese obxectivo, nesta iniciativa inseriuse tamén un ciclo de conferencias no que participaron os arquitectos Tono Mejuto, do estudio de Fermín Blanco, e Mar Penela.

Ao mesmo tempo, o propio desenvolvemento dos proxectos permitiu obter unha serie de conclusións que, como recoñece Varela, poden ser de utilidade para o CEIP A Xunqueira I, á vez que conectan esta iniciativa co proxecto de innovación educativa da facultade Elaboración de instrumentos e recursos para a formación do profesorado de primaria sobre a humanización de patios escolares desde o enfoque artístico-pedagóxico e a educación, que coordina a profesora Begoña Paz. De feito, “vinculado a este proxecto de innovación, queríamos preparar un pequeno informe”, sinala, que será trasladado ao centro, posto que aínda que os proxectos do alumnado non se van materializar, si permiten “evidenciar cal é a situación actual e cales serían as cuestións inmediatas a abordar”.