DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas organizadas este venres pola Área de Microbioloxía

Alumnado de Ciencias afonda no Anisakis e nas grandes crises alimentarias provocadas pola mala xestión ambiental

Dous expertos abordaron temas de actualidade relacionados coa seguridade dos alimentos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 30/11/2018

O alumnado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense tivo a oportunidade este venres de afondar en diferentes liñas de traballo no eido da seguridade alimentaria e ambiental nunhas xornadas na que os grandes protagonistas foron o Anisakis e a trazabiliade dos residuos orgánicos.

A actividade, titulada Xornada sobre seguridade alimentaria e ambiental, estivo organizada polas profesoras da Área de Microbioloxía da Universidade de Vigo Julia Carballo e María José Pérez e contou co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense-Campus da Auga. Segundo explicou María José Pérez na presentación do acto, a iniciativa xorde co obxectivo de achegar ao alumnado do centro temas de actualidade e relevancia que poidan ser do seu interese académico. Con esta idea, a xornada contou con dúas conferencias, unha de Raúl Iglesias, profesor titular da Área de Parasitoloxía da Universidade de Vigo, que falou sobre Anisakis: un problema estético ou sanitario?, e outra de Josefa de León, directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb, que falou ao alumnado presente sobre Trazabilidade para a túa seguridade alimentaria.

A “estrela” dos parasitos alimentarios

A xornada arrancou coa conferencia sobre o Anisakis, “unha estrela mediática” que a día de hoxe “é o parasito de transmisión alimentaria máis coñecido no noso país”, tal e como salientou Raúl Iglesias ao comezo da súa intervención. Nela abordou o que é este parasito e a enfermidade que pode provocar, anisakis; cales son os problemas que pode provocar; como se infectan as persoas; como evitalo e que acontece cando efectivamente unha persoa se infecta, entre outras cuestións. O Anisakis, explicou o profesor titular da Área de Parasitoloxía, “é un verme que parasita nos peixes e que se consumimos o peixe cru, semicru ou mal cociñado pode provocarnos patoloxías que en conxunto se chaman anisakis”.

O Anisakis, comentou Raúl Iglesias na súa intervención, “ten moita transcendencia para o sector pesqueiro alimentario e polo tanto para Galicia”. Lembrado como este verme “sempre existiu”, o relator apuntou como nos últimos meses “hai unha tormenta mediática pola cal este tema está sempre de actualidade e está afectando de xeito negativo ao sector pesqueiro”. Neste contexto, recalcou, é “necesario desmitificar algunhas cousas” e ofrecer información científica sobre a cuestión. Así, destacou este experto, “o problema sanitario pode estar totalmente controlado” no senso de que o tratamento térmico do peixe antes do seu consumo, é dicir o seu cociñado ou a súa conxelación o tempo axeitado se se vai a tomar cru ou semicru, “son medidas totalmente efectivas” fronte a este parasito. “As pautas xa as coñece todo o mundo”, comentou o profesor, que lembrou como a cifra de persoas afectadas por este verme “é baixísima”.

O problema, recalcou Raúl Iglesias, é “máis un problema de comercialización do produto, xa que a visualización dos parasitos nos peixes diminúe a súa calidade comercial. Este é o problema que está realmente tendo o sector pesqueiro”. Neste senso, o docente sinalou como “hai medidas para intentar reducir a presenza do Anisakis” pero advertiu como a día de hoxe “é prácticamente imposible” excluír a posibilidade de que non chegue Anisakis no peixe que hai no mercado. Por este motivo, recalcou, “ten que ser o propio consumidor o que adopte as medidas precisas para consumir axeitadamente o peixe”.

Seguimento dos residuos orgánicos

Pola súa banda, Josefa de León, directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb, foi a encargada de falar ao alumnado asistente de trazabilidade de residuos orgánicos facendo fincapé en como “a seguridade ambiental lévanos a unha seguridade alimentaria”. Así, durante a súa intervención abordou exemplos moi coñecidos de crises alimentarias froito dunha mala praxe ambiental, como os casos das vacas tolas ou a gripe aviar. “Non só os residuos perigosos poden causar unha crise, senón tamén un residuo orgánico”, dixo a relatora. Na súa empresa e no conxunto do sector gandeira e agroindustria, destacou, “trabállase na trazabilidade para que non se dean estes casos, para evitar que os residuos cheguen ao solo e de aí á alimentación”.

Neste contexto, apuntou Josefa de León, trala crise das vacas tolas “todo residuo que sae dunha planta sométese a unha normativa moi estrita, cun sistema informatizado no que se sabe en que camión vai, que cantidade, de que industria sae, a que planta de tratamento vai e unha vez que forma parte do fertilizante podemos facerlle seguimento de ata en que parcela foi empregado”. Isto, indicou, é a trazabilidade de residuos orgánicos, subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano.