DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada impartida por Manuel Ransán, do Instituto Nacional de Ciberseguridade

Alumnado de Ciencias da Educación aprende a fomentar nos menores un uso responsable de Internet

Durante a sesión abordáronse cuestións como os contidos e as relacións seguras

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 07/05/2018

Ciberacoso, vulneración da privacidade, sexting, uso excesivo, comunidades perigosas, contidos inapropiados, virus… Cando unha persoas se conecta a Internet mediante calquera dispositivo, sexa un teléfono móbil, unha tableta ou un ordenador, ábrese unha ventá de oportunidades pero tamén de perigos. Se a persoa que se conecta é ademais unha ou un menor, o risco multiplícase. Co obxectivo de facer ás e aos futuros profesores conscientes desta realidade e formalos para previr e actuar fronte a ela nas aulas, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu este luns unha conferencia sobre ciberseguridade.

Manuel Ransán, técnico do Instituto Nacional de Ciberseguridade, Incibe, foi o encargado de ofrecer unha charla organizada por profesoras do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación e aberta ao alumnado dos diferentes graos que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación. Mar García, decana deste centro, foi a encargada de presentar unha xornada da que destacou, nace tendo en conta “o auxe vertixinoso de Internet nos diferentes segmentos e idades” e en como isto se traduce “en aspectos positivos pero tamén nunha parte escura”. Neste contexto xeral, sinalou García Señorán, o profesorado “ten que ser capaz de identificar e xestionar estes riscos e problemas” pois, apuntou, “a educación é a base para facer un bo uso de Internet”.

Desde os contidos á xestión no centro

Segundo explicou Manuel Ransán, o pasado ano o Instituto Nacional de Ciberseguridade puxo en marcha Internet Segura for Kids (IS4K), un centro de seguridade en Internet para menores de idade en España que ten como obxectivo a promoción do uso seguro e responsable da rede e das novas tecnoloxías entre as e os menores de idade. Este centro, sinalou, é unha figura promovida pola Comisión Europea nos diferentes estados membros, existindo unha rede delas no marco comunitario. Sobre a súa charla en Ourense, apuntou, o obxectivo foi “abordar as problemáticas relacionadas co uso das tecnoloxías por parte dos menores enfocándoo ao contexto educativo”. Nas aulas, comentou Ransán, esta problemática pódese abordar en diferentes niveis, “desde o centro tomando medidas globais, como a adaptación das normas de convivencia ou protocolos de actuación en casos de ciberacoso” e “desde o profesorado, formándose para saber previr e minimizar situacións que se poidan dar”.

O experto en ciberseguridade comezou a súa conferencia explicando como na actualidade “a primeira conexión, que soe ser a través da tableta, se produce a unha idade cada vez máis temperá”, tendo xa que lanzar recomendacións as asociacións de pediatría de que non se faga antes dos dous anos e posteriormente de xeito progresivo. Unha vez aberta esta ventá, apuntou, nenas e nenos e adolescentes empregan o seu acceso a Internet fundamentalmente para “socializarse, xogar e buscar información”, sendo o primeiro risco ao que se enfrontan o do tipo de contidos aos que teñen acceso. “Internet non foi deseñada pensando nos menores”, advertiu, polo que cando se sentan diante dunha pantalla, sinalou, é moi difícil garantir a súa protección ante os diferentes riscos que ten a rede.

Ao longo da súa intervención Manuel Ransán abordou, tendo en conta especificamente o tipo de público presente na sala, como se pode promover o uso positivo de Internet, os piares da xestión da ciberseguridade nos centros educativos e os recursos e servizos que ofrece IS4K ás e aos futuros docentes, como unidades didácticas ou liñas de asesoramento de balde. Sobre a promoción do uso positivo de Internet, este experto analizou cuestións como o acceso a contidos, a protección ante virus e fraudes específicos para menores, a protección da privacidade e a identidade dixital, e as relacións en liña, tocando neste último apartado cuestións como o ciberacoso escolar, o sexting ou o grooming. Evidenciando as problemáticas en cada un dos puntos tratados, Ransán explicou ás e aos asistentes aspectos como as características que desde o marco comunitario se estipula que deben ter os contidos en Internet para poder considerarse positivos para as e os menores. Así enumerou entre eles ter os destinatarios claramente identificados, ser atractivos e útiles para esas idades, ser seguros e fiables, asegurar a privacidade e a protección de datos persoais e dar a coñecer se hai redes sociais e elementos comerciais neles.