Nun coloquio con representantes da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia
O alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte achégase á realidade educativa e social da discapacidade auditiva
Co obxectivo de dotalo de coñecementos que contribúan a unha maior inclusión nas aulas
A educadora social Iria Graña e a mediadora comunicativa e logopeda Sara González, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), protagonizaron este venres un coloquio en Ciencias da Educación e do Deporte, que tiña como obxectivo achegar as e os futuros docentes que se forman nesta facultade tanto ás necesidades educativas das persoas con discapacidade educativa, como á súa realidade social. As conferenciantes iniciaron a súa intervención en lingua de signos, co propósito de pór o foco na situación de incomunicación á que poden enfrontarse os nenos e nenas xordos no sistema educativo. De aí que un dos propósitos centrais desta actividade, fose incidir na importancia que ten neste punto a formación e implicación do profesorado, xa que esta pode “marcar a diferencia para esa persoa, non só a nivel educativo e cultural, senón tamén a nivel vital”, subliñou Graña.
Baixo o título de Educando na inclusión: a discapacidade educativa, esta conversa tiña como obxectivo informar o estudantado dos recursos que poden proporcionarlles a través do eido asociativo, así como achegalos a “unha realidade que como futuros docentes van ter nas aulas”, sinalou a profesora Martina Ares, coordinadora desta actividade. Con ese propósito, González e Graña buscaron “contextualizar que é a discapacidade educativa a nivel técnico”, para logo deterse “nas implicacións que ten a nivel social e cultural”, a través dun achegamento á realidade da comunidade xorda, ao tempo que presentaron tamén o traballo que desenvolven desde a Faxpg.
“Consideramos que é moi importante que teñades algo de coñecemento, como futuras profesionais, do que é a discapacidade educativa e de como isto inflúe a nivel educativo”, salientou Graña, que incidiu no papel que as e os futuros docentes poden xogar, a través da adaptación curricular e das metodoloxías empregadas, á hora promover unha inclusión educativa para a que, admitiu, “aínda falta moito”. Neste punto, González sinalou que existe “unha falta de coñecemento” respecto desta realidade, mais tamén un diferente “grao de implicación” entre o persoal docente. Ao mesmo tempo, as representantes da Fapxg sinalaron tamén que esa inclusión “non ten que pasar por diluír a súa identidade como persoas xordas ou con discapacidade auditiva”, senón que é preciso brindarlles tamén “referentes” que eviten un posible “sentimento de soidade, de non recoñecerse con ninguén”.