DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preparan proxectos de humanización a partir de estratexias artístico-pedagóxicas

O alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte analiza como transformar o patio do CEIP A Xunqueira I

Tras reunirse co estudantado do centro e coñecer as súas demandas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/03/2023

Analizar as demandas e necesidades da comunidade educativa do CEIP A Xunqueira I, para logo deseñar un prototipo de intervención que contribúa á humanización do patio deste centro a partir de estratexias artístico-pedagóxicas. Estas son as ideas centrais do proxecto que desenvolven preto de 80 alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no marco dunha iniciativa coordinada pola profesora Cristina Varela. O seu propósito, explica a docente da Área de Didáctica das Artes Plásticas, é achegalos ao traballo por proxectos “nunha situación real”, co propósito de que ideen unha serie de intervencións, que deberán presentar como prototipo ou maqueta, nas que amosen como a través de “intervencións baseadas na linguaxe plástica e visual” é posible “modificar a relación do alumnado co espazo escolar”.

A iniciativa enmárcase na materia Didáctica das artes plásticas e visuais, do Grao en Educación Primaria, e vese complementada con conferencias como a que impartiu este xoves na facultade o arquitecto Tono Mejuto e a que ofrecerá nas próximas semanas a arquitecta e educadora Mar Penela. A través destes relatorios e dos exemlos de intervencións e do achegamento ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica aprobado pola Xunta de Galicia que se lles ofrece no marco da materia, búscase amosar ao alumnado como os patios poden converterse tamén "nun espazo signifactivo dentro do centro", cun "potencial pedagóxico", como lembra Varela. A partir de aí, o estudantado deberá “diagnosticar, deseñar, facer una proposta de intervención” para o patio do CEIP A Xunqueira I, como explica a tamén investigadora do grupo Remoss.

Dar respostas á necesidades reais

Con esa idea, as e os participantes neste proxecto visitaron nos últimos días este colexio, onde se reuniron co estudantado de 2º e 5º curso. A través da conversa cos escolares e docentes, buscábase que puidesen realizar esa “diagnose” das necesidades e demandas da comunidade educativa. tomando como punto de partida unha “folla de observación”, que lles leve a ter en consideración as diferentes dimensións, “como a espacial, a funcional ou a relacional”, que deberán ter en conta nos seus traballos. Partindo desta análise, deberán desenvolver en grupos de cinco persoas "unha proposta de intervención puntual", explica Varela, que deberá non obstante partir desa diagnose global sobre a convivencia no patio, a súa sinalización, equipamento ou as actividades que nel se desenvolven, así como dos obxectivos e necesidades que identificasen. Como apunta Varela, as súas propostas “non se van materializar, pero si vanas levar a un prototipo ou maqueta o máis real posible”, que presentarán aos propios nenos e nenas do CEIP A Xunqueira I.

De feito, o punto de partida deste proxecto foron os “problemas co uso do patio” detectada no propio centro educativo, como recoñece a súa directora, Susana Diéguez. “Penso que desta actividade poden saír cousas máis aproveitables, que nós poidamos recoller de cara ao curso que vén”, sinala Diéguez, que lembra nese senso que no presente curso o feito xa acometeron unha serie de cambios nos recreos, apostando por substituír cada venres o fútbol por un conxunto de actividades, que abranguen do tenis de mesa, aos xogos, os quebracabezas ou lectura de libros, e que estám a ter unha acollida moi positiva por parte do estudantado.

Unha demanda do profesorado en activo

Como destaca Varela, esta actividade permite que os universitarios e universitarias se enfronten “a un traballo real, que pode ter unha repercusión”, que, por unha banda, móstralles "que a plástica non ten unha función decorativa, a, senón que os procedementos teñen que estar vinculados a un concepto, a unha idea” e, pór outra, lévaos a reflexionar sobre a necesidade de entender os patios “non como un simple contedor, senón como un elemento máis dentro da educación”. Neste punto, a iniciativa conéctase co proxecto de innovación educativa da facultade Elaboración de instrumentos e recursos para a formación do profesorado de primaria sobre a humanización de patios escolares desde o enfoque artístico-pedagóxico e da educación física, que a área desenvolve ao longo de 2023 baixo a coordinación da profesora Begoña Paz. O seu punto de partida, explica esta docente, é unha "demanda efectiva por parte do profesorado en activo" de contar con formación e ferramentas que lle permitan levar a cabo “proxectos de mellora” nos espazos dos centros escolares, baseados nesa mesma idea de humanización e na realización dunha diagnose previa que permita identificar as necesidades de cada espazo.

Dos condicionantes espaciais ás achegas da comunidade

Nesta actividade insírese á súa vez o ciclo de relatorios O patio escolar como espazo educador, que abriu este xoves Tono Mejuto, quen presentou varias das experiencias de transformación de espazos educativos desenvolvidas polo estudio de arquitectura de Fermín Blanco, no marco do proxecto Mestra de Obra. Trátase, sinalou, de proxectos que conectan arquitectura e pedagoxía e “nos que traballamos activamente coas comunidades educativas”. Nese senso, Mejuto puxo o foco, en primeiro termo, en que este tipo de intervencións deben englobar tanto a análise do contexto como dunha serie de “condicionantes dos que ao mellor nos colexios non son tan conscientes, pero que ao mellor son esenciais no día a día”, como a orientación do patio ou a existencia de zonas de sombra ou máis expostas ao vento. Alén destes condicionantes, as intervencións inseridas en Mestra de Obra susténstase, subliñou, no traballo coa comunidade, na participación dos diferentes axentes vinculados ao centro educativo, "que poden achegar valor desde moitos ámbitos”. Isto fai que da análise que realizan para cada proxecto poida dar como resultado "solucións moi distintas", a pesar de que en moitos dos casos, os patios escolares presentan unha serie de características comúns. De feito, engadiu Mejuto, o feito de que en boa parte sean "explanadas de cemento" fan que unha parte das solucións estean orientadas "á renaturalización destes espazos”, así como ao fomento “doutro tipo de actividades que estimulen tamén pedagoxías e que, por como están os patios, non son posibles”.