DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio virtual coa que fora responsable da ONG Amarante Setem Fernanda Couñago

O alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte infórmase dos impactos ambientais e sociais da industria téxtil

Estímase que é a causante do 10% das emisións de CO2 á atmosfera

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/04/2021

A téxtil é actualmente a segunda industria máis contaminante do planeta, causante de aproximadamente o 10% das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, segundo os cálculos da ONU, así como a responsable de entre o 17% e o 20% da contaminación da auga, segundo as estimacións do Banco Mundial. Estes foron algúns dos datos que Fernanda Couñago, quen fora responsable da ONG Amarante Setem e unha das impulsoras da Plataforma Galega de Moda Sostible, trasladou ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no primeiro dos coloquios que integran o ciclo Educación para a sustentabilidade. Organizada pola profesora Mercedes Varela e patrocinada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, esta actividade arrancou pondo o foco nas “consecuencias sociais e ambientais da fast fashion” e completarase cun encontro coa coordinadora en España do movemento Teachers for future, Miriam Campo Leirós.

Dada a súa “ampla traxectoria no mundo da moda consciente”, como salientou Varela, Couñago protagonizou nesta xornada un coloquio virtual aberto ao público, que buscaba tamén ampliar a formación do alumnado da materia Educación ambiental para o desenvolvemento, do grao en Educación Primaria, co que esta docente leva a cabo un proxecto sobre o impacto da industria na moda no cambio climático”, que centran concretamente co “ciclo de vida dunha camiseta”. 

Producindo e consumindo “dun xeito absolutamente acelerado”

Nun coloquio que se completou coa proxección de diferentes vídeos, Couñago achegou unha serie de datos sobre os efectos desta industria, que produce máis emisións de efecto invernadoiro que “todos os voos e transportes marítimos internacionais xuntos” e que ten tamén un "grande impacto" sobre os recursos hídricos do planeta. Como exemplo, a conferenciante sinalou que a produción dunha camiseta de algodón supón o gasto de 2700 litros de auga, unha cifra equivalente “a que consumiría unha persoa durante 900 días”. 

Segundo explicou, calcúlase que na actualidade fabrícanse cada ano entre 100.000 e 150.000 millóns de prendas o ano, o que ao seu xuízo amosa “que non só se está producindo, senón tamén consumindo, dun xeito absolutamente acelerado”. A isto súmase, engadiu Couñago, o “problema ambiental engadido” que supón a xeración de residuos téxtiles, xa que se estima que anualmente “estanse tirando 900.000 toneladas de roupa nos vertedoiros”. Neste senso, a relatora sinalou que a día de hoxe en países como España, non existe unha “política de reciclaxe do téxtil” a día de hoxe, así como o feito de que actualmente “prodúcese máis roupa con materiais sintéticos que biodegradables”. 

As consecuencias sociais e laborais da “moda rápida”

Máis aló das consecuencias ambientais, a chamada “moda rápida” ten tamén “consecuencias sociolaborais”, sinalou Couñago, lembrando como a industria pasou de producir “dúas coleccións anuais”, a estar xerando “todos os meses deseños novos”. Para que as marcas poidan “renovar constantemente os vestiarios”, sinalou, requírense prazos de produción máis curtos que “agravan as condicións laborais das mulleres” que traballan nas “fábricas subcontratadas en países empobrecidos” nas que as diferentes marcas deslocalizaron a súa produción. Neste aspecto, Couñago detívose nas condicións laborais das traballadoras do sector en países como Bangladesh, un  dos estados “cos salarios máis baixos do mundo”, que é actualmente o primeiro produtor mundial de roupa e onde se estima que máis de catro millóns de mulleres traballan nunhas condicións que non lles permiten “saír da pobreza e manter a súa familia”. Couñago lembrou o derrube neste país, no ano 2013, do edificio Rana Plaza, que provocou a morte de máis dun milleiro de persoas, o que a levou a incidir na necesidade de cambios lexislativos que fagan que as empresas “teñan a responsabilidade de garantir o cumprimento dos dereitos humanos en toda a cadea de produción”. 

“Cambiar o paradigma require da implicación de moita xente”, sostivo Couñago, que pechou a súa intervención pondo en foco nas accións que poden levarse a cabo para mudar esta situación. Por un lado, avogou por cambios lexislativos, á vez que incidiu na necesidade de promover a economía circular e presentou diferentes iniciativas inseridas na chamada slow fashion, que avoga por unha produción “con criterios ambientais, de sostibilidade e de respecto aos dereitos laborais”. Na esfera individual, lembrou que “os pequenos actos de moitas persoas producen moitos cambios” e avogou por “informarse antes de comprar”. 

Tras esta actividade, este ciclo de coloquios completarse o martes 27 coa participación da profesora do CEIP Antonio Palacios de Porriño e coordinadora en España do movemento Teachers for Future, Miriam Campo Leirós. Este coloquio, explicou Varela, buscará achegar ao alumnado da facultade unha serie de iniciativas que lles amosen como levar ás aulas iniciativas de educación ambiental.