DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas sobre narración oral impartidas pola actriz Beatriz Campos

O alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte iniciase na “arte de contar contos”

O seu obxectivo é achegarlles ferramentas para o seu uso como recurso didáctico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 06/03/2023

“Non é un mesmo ler un conto que contalo”, salienta a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marta Peláez, coordinadora das xornadas Iniciación á arte de contar contos, que buscan achegar ao alumnado unha serie de ferramentas coas que iniciarse na narración oral. Impartido pola actriz, narradora e directora teatral Beatriz Campos, trátase dun seminario de carácter práctico, dirixido a que as e os participantes coñezan e poñan en práctica unha serie de recursos que lles axuden, explica, a “utilizar pedagoxicamente a narración oral para ensinarlles contidos a nenos e nenas”.

Como apunta Peláez, o punto de partida do seminario que nestas semanas se desenvolve por primeira vez na facultade foi o propio interese que a temática espertou no alumnado do Grao en Educación Primaria, despois de que o pasado cuadrimestre tivesen que contar un conto nun centro de primaria, no marco da materia Literatura infantil e xuvenil. “Alí déronse conta do difícil que é contar un conto e da importancia que ten contalo ben”, salienta Peláez. Nese senso, as xornadas ás que asisten unha quincena de estudantes buscan tanto inicialos na narración oral, como afondar na súa utilidade para pór en contacto a nenos e nenas coa literatura “desde ben pequenos”. Non en van, sinala Peláez, este achegamento axúdalles “a traballar as súas habilidades comunicativas, a ser capaces de interpretar as imaxes, á comprensión da cultura e da contorna representadas nos libros...”, á vez que contribúe tamén, como engade Campos, a que adquiran vocabulario, xa que “é unha maneira de ensinarlles a coñecer e nomear o mundo que lles rodea”.  

De coñecer que implica contar un conto a poñelo en práctica

Estruturado en catro sesións, cada xornada deste curso ábrese en primeiro termo cunha abordaxe de diferentes aspectos relacionados coa narración oral, como “os contos tradicionais ou os xogos tradicionais en galego”, apunta Campos. A integrante de Migallas Teatro tamén achega á aula unha serie de exemplos de “contos ou álbums ilustrados de calidade”, que poderían servirlles como recursos no seu futuro como docentes. Coa idea de que esta actividade proporcione ao alumnado unha serie de nocións e ferramentas que lles sirvan como “punto de partida” á hora de levar un conto ás aulas, ao longo do taller afóndase tamén en aspectos que abranguen desde a importancia ten que ten tanto a idade do grupo como o obxectivo da actividade á hora de escoller un determinado material, ata “como facer que este chegue aos nenos e nenas”.

De feito, nese obxectivo de achegar aos e ás participantes “ferramentas concretas”, o curso implica non só coñecer diferentes exemplos a través das narracións de Campos, senón tamén poñelas en práctica a través dunha serie exercicios. “Son ferramentas que realmente xa teñen, porque todos e todas somos narradores”, sostén esta actriz, que incide en que este curso busca tamén que o alumnado poida “coñecerse un pouco máis e saír da súa zona de confort”. Así, na primeira sesión, as e os participantes tiveron que rememorar na aula as historias que lles contaban cando eran pequenos, así como “cando e como llas contaban”, mentres que outros exercicios leváronos a pór o foco na importancia “de xesticular e traballar co corpo” á hora de narrar unha historia, a afondar na súa capacidade de “crear con palabras atmosferas e lugares” ou a incidir no papel que xogan tanto xestos como onomatopeas nos contos dirixidos aos máis cativos.