Nuns obradoiros celebrados este luns na facultade
Alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo achégase ás diferentes saídas profesionais das súas titulacións
Participaron tanto representantes do eido público como privado
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense organizou este luns un Obradoiros de saídas profesionais, co obxectivo de achegar ao seu alumnado de últimos cursos diferentes opcións que teñen para o seu desenvolvemento laboral futuro. Para acadalo, contaron coa participación de profesionais do ámbito público e privado, que explicaron ao estudantado presente as características do traballo que realizan e o camiño seguido ata chegar a el. A iniciativa tivo a colaboración do Colexio de Economistas de Ourense e foi presentada por Jesús Vázquez, decano do centro organizador.
Un dos obradoiros estivo centrado no ámbito público, participando Nuria Aguilar, directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Xunta de Galicia, que falou ao estudantado da opción de ser funcionario da administración. Tamén participaron profesionais da educación (María Santos), a Axencia Tributaria (Félix Sánchez) e a intervención municipal (Mónica Legaspi, do Concello de Ourense). Un segundo obradoiro achegou ao alumnado diferentes opcións no ámbito privado da man de profesionais da banca (Carlos Díez), a auditoría (Teresa Cuñarro), a dirección comercial (Estela Bermello), a asesoría e xestoría (Carmen Sampayo, presidenta Colexio Economistas Ourense), o control económico (Luis Hermida) e o emprendemento (Sabela Vila).
