DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O propietario de Café Pacífico explicou a evolución dun negocio familiar

Alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo achégase a novas fórmulas da hostalaría

O obxectivo da iniciativa foi afondar co alumnado en aspectos relacionados coa xestión

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/12/2018

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou este martes unha nova xornada da súa iniciativa Hostalaría e sociedade. Despois da participación o pasado curso de Daniel Guzmán e Julio Sotomayor, do restaurante cunha estrela Michelín Nova, e de Aser Álvarez, de Casa Galeguesa, nesta ocasión os convidados foron Francisco Domínguez, propietario do Café Pacífico, e o seu cociñeiro Noel Fernández. Eles falaron da súa experiencia de transformación dun negocio hostaleiro familiar.  

Aínda que aberta a todo o alumnado interesado, explicou Javier Sánchez, vicedecano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, a xornada estivo especialmente organizada pensando no alumnado do Grao en Turismo, que conta con materias nas que se aborda a xestión da restauración, a xestión de destinos de interior e a planificación e xestión de espazos turísticos. O obxectivo de convidar ao propietario e chef do Café Pacífico foi, apuntou Sánchez, dar a oportunidade ao alumnado do centro de “coñecer o seu concepto vangardista e artesá de restauración”.

De 1975 a 2018

Ao longo da súa intervención Francisco Domínguez explicou as orixes, a historia e a evolución do negocio familiar Café Pacífico desde a súa creación ata chegar á actualidade. Así, lembrou, o nome de Pacífico foi escollido polo seu avó, mariñeiro que facía esa ruta e fundador do local en 1975. Aínda que “o negocio sempre foi ben”, comentou, arredor de 2012 comezaron a mudar o seu concepto, transformación que foi total cando en abril deste mesmo ano reabriron despois dunha completa muda estética e dun cambio de modelo de negocio e gastronómico. De pasar de ser “un café clásico” pasou a ter unha oferta baseada nos almorzos, no menú degustación ao mediodía e de brunch as fins de semana, non abrindo para ceas. Esta última decisión, indicou Francisco Domínguez, baseouse no feito de que “non podíamos máis fisicamente, con horarios de 13 ou 14 horas abertos, había que reconducir o negocio”, afirmou.

A evolución deste local, apuntou, non é froito da adaptación de ningún modelo en concreto tomado como referente pero si do feito de que “nos gusta estar sempre atentos a por onde van os tiros, estamos sempre observando o que se demanda, as novidades, etc”, indicou Francisco Domínguez. Ante o cambio de modelo de negocio e gastronómico apuntou como “a resposta da xente está sendo moi boa” pero fixo fincapé en como, ao tratarse “dun proxecto tan persoal haberá que agardar arredor de tres anos para ver se efectivamente o modelo é rendible”. Sobre como foi recibida esa evolución xa non externamente senón internamente, ao tratarse dun negocio de orixe familiar, comentou que foi ben recibida xa que “sempre se quere mellorar e todo o que sexa mellorar é benvido”.

Para coñecer a proposta gastronómica de Café Pacífico, ademais do seu modelo de negocio, o alumnado tivo a oportunidade de probar algunhas das elaboracións que ofrecen nel e dar a súa opinión ao respecto.