DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao longo da semana os estudantes de grao e mestrado realizan obradoiros e visitas

O alumnado de Ciencias do Mar embárcase por un día no buque-escola Intermares

Nunha actividade impulsada polo Campus do Mar

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 27/11/2019

Unha experiencia diferente e un xeito de coñecer de primeira man como funciona un barco-escola. Esta é a oportunidade que teñen os estudantes de Ciencias do Mar da Universidade que visitan ao longo desta semana o buque-escola e de cooperación pesqueira Intermares, atracado no porto de Vigo. Dende onte martes e ata mañá xoves, o alumnado do grao de Ciencias do Mar e dos mestrados en Oceanografía e en Bioloxía Mariña realizará visitas guiadas, obradoiros e sesións formativas a bordo desta embarcación da Armada Española en colaboración coa Secretaría Xeral de Pesca e da man do Campus do Mar.

O Intermares, construído en 2009, ten 79 metros de eslora, 15 de manga e 5,52 de calado, é na actualidade unha embarcación compartida entre a Armada, que o emprega como buque-escola e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, onde presta servizo parte do ano para actividades formativas relacionadas coa eido pesqueiro.

Do procesado do peixe aos vehículos operados a distancia

O primeiro dos grupos, composto por preto de 70 alumnos e alumnas de 1º curso de Ciencias do Mar, visitou o buque onte martes, acompañados polo decano do centro, Miguel Ángel Nombela, e a profesora do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Irene Alejo. O estudantado de novo ingreso do grao é o único que non realiza ao longo do curso actividades no mar, polo que estas visitas guiadas representan a súa primeira experiencia académica cun barco das características do Intermares. Divididos en grupos, visitaron as catro salas principais da nave: seguridade, redes, máquinas e parques de pesca e informática e aprenderon, por exemplo, como se elabora o peixe a bordo e como se prepara para o seu enlatado nunha cinta procesadora de preparación de conservas. Realizaron tamén módulos formativos sobre seguridade e puideron ver como traballa un ROV (vehículo operado a distancia). A finalidade é que o alumnado poida ver como traballa unha embarcación deste tipo e que os coñecementos adquiridos lles sirvan como complemento para a formación académica que reciben no grao.  

Hoxe mércores foron os alumnos e alumnas do Máster en Bioloxía Mariña os que visitaron o Intermares, acompañados polo director da Ecimat, José Manuel Estévez. Mañá será a quenda do estudantado do Máster en Oceanografía, da man da profesora Eva Teira, e o venres será o alumnado de 1º de Bacharelato de Xeoloxía e Bioloxía e Cultura Científica do IES Carlos Casares os que se acheguen ao Porto de Vigo para coñecer o barco.