DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun ciclo coordinado por Amarante e enmarcado nunha materia do grao en Publicidade e RRPP

O alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación achégase á realidade diaria dunha ONG

O consumo responsable foi o eixo dos diferentes coloquios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 29/10/2018

Abordar como se leva a cabo a xestión da comunicación dunha organización non gubernamental é unha das eixos da materia Relacións Públicas e Comunicación Solidaria, do grao en Publicidade e RRPP. Partindo dese obxectivo e co propósito de “que o alumnado teña un contacto máis directo coa realidade dunha ONG e poida coñecer o día a día destas organizacións e as súas problemáticas”, explica o profesor da materia e decano a Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde, no presente curso impulsáronse por primeira vez unhas xornadas, coordinadas pola ONG Amarante, que nas últimas semanas achegaron á facultade a representantes da Rede Galega contra a Pobreza, Amigos da Terra, Espaocoop ou da plataforma Mov3. Galicia viste consciente.


Trátase, como sinala Bamonde dun ciclo de coloquios pensados para que as e os estudantes da materia poidan ter un “contacto real con ONG” antes de desenvolver os seus traballos prácticos, “nos que terán que facer campañas sobre causas concretas”, pero abertos ao conxunto do alumnado co propósito de “crear conciencia en torno aos valores da solidariedade, da loita fronte a exclusión social e o comercio xusto e sustentable”. Coordinado pola representante de Amarante Fernanda Couñago, o ciclo, enmarcado así mesmo nun proxecto que esta ONG desenvolve con financiamento da Xunta de Galicia, pon o foco precisamente nestes dous últimos puntos, baixo o título de Afectadas polo teu consumo. Alternativas para un consumo responsable.

Da problemática xeral ás alternativas concretas

“Dentro do noso ámbito, a educación e consumo responsable, temos varias liñas de traballo e unha delas é que a cidadanía reflexione sobre o noso xeito de consumir, que ten un efecto social e económico nas persoas que producen”, sinala Couñago dun ciclo de coloquios que, nese senso, buscaban amosar tamén ao alumnado que “existen alternativas máis respectuosas que poden axudar á redución da contaminación, a conseguir melloras sociais e melloras para as persoas que producen”. Con esa idea, as xornadas que se viñeron desenvolvendo ao longo deste mes de outubro e que este luns celebraban a súa sesión de peche propuñan unha abordaxe de diferentes temáticas dentro do ámbito do consumo desde unha dobre perspectiva. En primeiro termo, un ou unha conferenciante encargábase de analizar a problemática concreta para que logo “entidades sociais da contorna expliquen como están traballando de xeito alternativo”, apunta Couñago, o que permite “achegar unha problemática global ao local”, á vez que promover entre a comunidade universitaria unha reflexión sobre "as realidades que hai detrás do modelo de consumo e produción”. 

Alimentación, roupa e economía social

A actividade que se viu desenvolvendo ao longo deste mes comezou cunha sesión de presentación das xornadas e dinámica de grupo, na que os e as participantes realizaron “unha árbore do seu modelo de consumo, na que recollían que consumen e onde o consumen desde que se levantan ata que se deitan” e que nesta última sesión revisaron para avaliar “se despois de ver o impacto do noso modelo de consumir cambiarían algo dos seus hábitos”. 

A partires de aí, un primeiro bloque, centrado na alimentación, e titulado Se hai recursos para todos, por que hai pobres?, trouxo á facultade a Noelia González e Sara Abella, da EAPN Galicia-Rede Galega contra a Pobreza, xunto con Charo Baamonde, da asociación pontevedresa Boa Vida, que traballa con persoas en situación de vulnerabilidade social. Seguindo con esta temática, a seguinte sesión contou coa participación de Antón Lois, da ONG Amigos da Terra, ao que se sumaron, desde a óptica das alernativas locais, unha representación da asociación 4Ponlas, que reúne a produtores ecolóxicos da comarca, e de grupos de consumo articulados por persoas que se unen para mercar produtos ecolóxicos e de proximidade. 

O segundo bloque, centrado nas economías alternativas, abriuse a pasada semana cunha sesión centrada nas cooperativas, dirixida a amosar ao alumnado “que existen modelos de negocios de economía social” a través dun relatorio de Ramón Carmelo, da asociación de cooperativas Espazocoop. Esta sesión completouse coa participación dun representante de Nosa Enerxía, primeira cooperativa galega que ten por obxecto a comercialización de enerxía eléctrica de orixe renovable certificada e xa este luns, as xornadas abordaron o seu terceiro e último bloque, centrado na roupa e no comercio xusto, que Couñago, coordinadora en Galicia da Rede Internacional Campaña Roupa Limpa, abriu cun relatorio titulado Ti merca que eu me enriquezo, completado posteriormente, por unha presentación da plataforma Mov3. Galicia viste consciente, integrada por diferentes marcas galegas que producen con criterios de sustentabilidade e ecolóxicos e tendas de roupa ecolóxicas.